Manuel
Vilanova

Manuel Vilanova naceu en Barbantes, Ourense, en 1944. O corazón do Ribeiro do Miño. Estudou Filoloxía Románica en Compostela, onde fixo a súa memoria de licenciatura sobre La evolución de la poesía de Rafael Alberti. É doutor pola Universidade Complutense coa tese La soledad en la poesía de Luís Cernuda. Catedrático de Ensino Medio de Lingua e Literatura Españolas, exerce en Vigo.

Publicou o seu primeiro libro de poemas, Mejor el fuego (Fablas Ediciones, Las Palmas de Gran Canaria), en 1972. Na mesma editorial, en 1977, publica El cazador de días. Eduardo Blanco-Amor pensaba que era este libro un dos quince mellores que tiña lido. A súa primeira obra en galego é un longo poemario, unha elexía, A tarde chea de verán (Editorial Mogor) dedicada ao poeta Celso Emilio Ferreiro. E direivos eu do mister das cobras (Editorial "La Región", Ourense, 1980) ten sido considerado por Álvaro Cunqueiro, Varela Jácome, Fernández del Riego, Xosé Mª Álvarez Blázquez e moitos outros, como o poemario máis anovador da lírica galega contemporánea. En 1985 sairá do prelo un novo libro de poemas en galego co título de A lenda das árbores de prata (Ediciones NOS, A Coruña) que recibiu o Premio da Crítica Galega. Arcadio López-Casanova considera a voz lírica deste poeta como unha das máis intensas do noso panorama poético contemporáneo. En 1988 publica en Málaga Casa para los ojos (Colección Puerta del Mar). El quinto cáliz (Colección Genil, Granada, 1977). El corazón del pan (Fundación Jorge FoGuillén, Valladolid, 2002) afonda na veta relixiosa. En 2007, co poemario A esmeralda branca (Follas Novas, 2006), acada o Premio Nacional de la Crítica.