centro de documentación da AELG
Xoves, 2 de setembro de 2010
Procurar textos:Procura avanzada
Casas, Arturo
AUTOBIOGRAFÍA

   Naceu na Coruña en febreiro de 1958. Estudos universitarios de Matemáticas (1975-1978) e Filoloxía (1978-1983). Profesor de Ensino Medio entre 1983 e 1988. Doutor en Filoloxía Hispánica e profesor titular de Teoría da literatura e Literatura comparada na Universidade de Santiago de Compostela. Profesor invitado da Université de Bourgogne e da City University of New York e da Universidade Nacional Mar del Plata. Conferenciante en distintas universidades europeas e americanas.

   A traxectoria académica das súas publicacións figura nunha web persoal da USC. Os campos fundamentais atendidos como investigador son, entre outros, a obra de Rafael Dieste e os seus núcleos de acción cultural e política, o pensamento estético-literario contemporáneo, o exilio republicano, a teoría do poema, a intervención e o acto críticos, os estudos sistémicos sobre cultura e literatura, a metodoloxía da Historia literaria e a poesía do século XX, con especial atención á galega nos períodos 1916-1936 e 1976 en adiante.

   Coordina grupos de traballo sobre poesía non lírica en perspectiva teórico-comparada e sobre a innovación da Historia literaria galega, así como unha rede de oito grupos de investigación da USC promotora do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes. É membro do Comité de Coordinación da rede internacional Poetics of Resistance. Co Grupo Álea de Análise Poética e o Consello da Cultura Galega está a activar o repositorio dixital poesiagalega.org, que aspira a ser un arquivo de referencia para o estudo da poesía galega dos séculos XIX a XXI.

   Nos anos noventa publicou tres libros de poemas: Sombra de unidade (1990), Pedra de Nadir (1995) e Momentum. Circungrafía (1997). De 2001 é o encarte "Dereito Natural". Autor dunha breve obra aforística aparecida en diversos medios. Tamén dalgún relato. Colaborou en traducións de poesía estonia, irlandesa e italiana. Entre setembro de 2008 e setembro de 2009 mantivo aberto o blogue Lándoas. Marxes de Texto. É membro da Sección de Crítica literaria da AELG.

[Febreiro, 2010]