
Para tentar un texto autobiográfico, coido que o mellor é botar man da lúa gris. Defendo firmemente a independencia entre a voz poética e o autor do poema. E por iso podo dicir que lúa gris é, dalgún xeito, un libro autobiográfico, sen que iso signifique que todo o que alí está dito é verdade. Porque é literatura, e porque a memoria non é tanto a reconstrucción do pasado senón a construcción das paisaxes que nos gustaría ter visto, das persoas que nos gustaría ter sido. Un xogo de máscaras, á fin e ao cabo.
Así que nacín en Buenos Aires, no lado do barrio de Palermo onde, segundo di de pasada Borges no seu Evaristo Carriego, comezaban a se instalar, alá polos finais do dezaoito, os inmigrantes calabreses. A literatura traizooume e nun poema do libro falo de casas xenovesas. Pero de calabreses é que fala Borges, e imaxino que tamén son calabresas as miñas orixes polo lado da miña avoa materna.
A realidade é que nacín noutra zona de Palermo, pero iso non fai parte da construcción da memoria.
Pouco despois mudámonos a outro barrio, "máis fermoso e distante". En Coghlan crecín, mais a patria é Palermo Viejo.
Entre Coghlan e o centro, onde fun ao instituto, e despois tamén traballaba, no tren que vai dun recanto ao outro, transcorreu o resto da miña vida "porteña" e a segunda parte do libro.
O final daquel tempo non aparece en lúa gris. A zona norte, La Manzana Podrida e despois La zona, unha emisora clandestina de radio con dous nomes e, sobre todo, un bo grupo de amigos que medrou a partir dalí. Deste tempo tamén: a paixón polo tango.
Uns poucos anos antes naceron os meus primeiros relatos. A culpa tena Daniel Arias que me converteu nun apaixonado da literatura. Foi no obradoiro que el coordinaba onde empecei a escribir tamén os meus primeiros poemas. Pero eran mellores os relatos.
No obradoiro de Daniel Arias pasei catro ou cinco anos e del xurdiu o meu primeiro libro. Foi un pouco iniciativa de todos. Un tempo antes empurraramos a primeira aventura de Diego Muzzio, que hoxe vai collendo o seu espacio na literatura arxentina. E pouco despois os compañeiros convencéronme de que eu tamén podía. Así, remexendo en toneladas de papel, facendo uso e abuso das tesouras e coa colaboración inestimábel de Diego e mais de Fernando Tomasenía saíu Catedrales de perfil.
Outra cousa memorábel daqueles tempos foi a tempada que pasei aprendendo música e composición con Gustavo Mozzi. Agora todo iso téñoo abandonado, pero hai cores nos meus poemas que teñen algo que ver co que aprendín daquela.
Creo que non pasaron catro meses dende que saíu Catedrales... e eu marchei de Arxentina.
A seguinte escala da viaxe foi Caracas, onde vivín algo máis de cinco anos. Marchei de Buenos Aires o 17 de outubro de 1990, e vivín en Caracas ata o 9 de xaneiro de 1995.
A etapa venezolana ten un papel importante na miña aventura literaria. Alí, coa colaboración fundamental de Harry Almela, aprendín moito do que hoxe son como poeta. E tamén escribín artigos, e publiquei traduccións diversas, primeiro da poesía brasileira, despois un alguiño de Portugal e, finalmente, de Galiza. O medio editorial e cultural de Venezuela foi xeneroso comigo, penso. E a Caracas, da que non escribín poemas, espero algún día pagarlle cunha novela. Algo xa hai.
A finais de 1993 fixen unha viaxe que en moitos sentidos foi fundamental. Dela vou contar que, nunha librería de Compostela comprei dúas antoloxías da poesía galega, e mais un libriño de verbos. Parella curiosa, paréceme. A maiores regaláronme un par de poemarios (os Cantos Caucanos de Avilés era o máis memorábel deles) e despois conseguiría un diccionario que me axudou a enfrontarme con todos estes versos.
As antoloxías eran, unha de poetas dos 80 (aínda ninguén falara de tal clasificación, ou, cando menos, non comparándoa con nada posterior), bilingüe, publicada por Visor. A outra era un compendio dos libros da colección Val de Lemos en reedición de Espiral Maior.
Con iso debaixo do brazo marchei de regreso a Caracas e, nun ano, resultaron nun meu segundo libro (hai máis polo medio, pero non vén aquí a conto), Ya tan deshabitado, que publicou Harry Almela na súa editorial La liebre libre, e Finis Terræ, unha selección de poemas de Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela e Xela Arias que traducín non sen precisar moita axuda transatlántica.
Dende xaneiro de 1995 acomodei os meus restos na comarca compostelá: primeiro no barrio santiagués de Santasmariñas, despois en Framil, e en Bertamiráns, no concello de Ames. Agora vivo outra vez en Compostela.
A aventura literaria en galego empezou coa traducción dun libro que xa tentara publicar en Venezuela sen éxito: Sólo pájaros salieron de mi boca. O resultado, tras moitas angueiras, envíos, editoriais, esperas, e, sobre todo, correccións e correccións, deu en só paxaros saíron desta boca. A pequena diferencia entre os dous títulos non é proba fiel da enorme diferencia que hai entre un libro e mais o outro. Todo un océano.
A Miro Villar e a Rafa Villar débolles moitísimo. Eles non só me acolleron con cariño e acabaron converténdose en grandes amigos, senón que creron no que eu facía, creron en só paxaros... e, en boa parte, a eles debo que decidise, finalmente, envialo ao concurso que o premiou. Foi o meu primeiro premio literario, un accésit (moito lembrei a Daniel Arias daquela) na convocatoria de 1997 do Premio Miguel González Garcés. Un premio demasiado relevante, penso, para o meu primeiro libro en galego.
Xusto despois de rematar a traducción de só paxaros..., e antes de que só paxaros... chegase a ser o que finalmente foi, escribín xa directamente en galego os veos da paisaxe, que acabaría vendo luz só a finais de 2000 en Retagarda Edicións. Despois veu lúa gris, que se publicou antes có outro, en 1999, na colección Ablativo Absoluto de Edicións Xerais.
Quedan aínda outros catro libros. Un verá luz, se todo vai ben, neste 2002 en Edições Tema de Lisboa, gracias ao bo oficio de Alberto Augusto Miranda, home de artes onde os haxa. Dos outros tres non direi nada aquí, que por algo os premios son con plica pechada.
Para rematar coa historia do libro, debo dicir que as dúas partes restantes de lúa gris son unha mirada sobre dous asuntos que dende hai algún tempo teiman por interpoñerse a case todo o que penso: a distancia e a soidade. Supoño que son o efecto de manter viva a memoria. Non se trata de sentirse lonxe da terra, senón de que sempre estamos lonxe da patria sen maiúsculas que é a infancia, e iso fai que nos sintamos sós, abandonados. Estou pensando en darlle forma de palabra a estes pensamentos, talvez como medida para exorcizalos.
Á literatura dedícolle tamén outros tempos que non son os da escrita.
Despois de que, por dicilo dalgún xeito, quedase claro que había quen quería falar da xeración dos 80 e da xeración dos 90, inventamos Letras de Cal, para publicar libros de autores inéditos ou case. Un proxecto ilusionante, que, con momentos mellores e peores, levou á rúa máis dunha ducia de títulos, tras ter gañado un espacio relevante, coido eu, na edición de poesía galega. Unha experiencia colectiva da me sinto orgulloso.
Tamén creamos Retagarda Edicións, que está empezando pero que será algo importante, paréceme, apostando polas novas tecnoloxías para a edición de libros.
E tamén me fixen informático, e agora dedico boa parte do meu tempo libre ao deseño, construcción e administración de sitios web. Entre as cousas que levo feitas, están: a páxina persoal de Rafa Villar Mares de Sinbad, a páxina de Letras de Cal (www.letrasdecal.org), a de Marilar Aleixandre (www.marilar.org/), e a miña páxina persoal (www.luagris.net), onde se pode atopar case todo o que levo publicado até agora, e algunha cousa máis.
* A fotografía é de Fran Martínez.
[Abril, 2003]


