centro de documentación da AELG
Martes, 9 de febreiro de 2010
Procurar textos:Procura avanzada
Seoane, Xavier
AUTOBIOGRAFÍA

   Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Estudiou Filoloxía Románica en Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura en A Coruña. Desde 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante. Nas décadas dos setenta e oitenta participou nas actividades dos grupos "A Carón" e "Galga". Ten colaborado, entre outras, en publicacións como Teima, Man Común, Grial, Nordés, Agalia, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Luzes de Galiza, Gran Enciclopedia Gallega, El Corrego Gallego, Microfisuras...

   Desde hai anos vén organizando na cidade da Coruña debates, conferencias e tertulias de carácter artístico, literario e cultural, así como participando en cursos literarios e na coordenación de premios literarios.

   En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro Poesía experimental (1978). O seu primeiro poemario individual foi Os bosques encendidos (1981). Logo editaría A caluga do paxaro (1979), Presencias (1985), Iniciación e regreso(1985) co que recibiu o premio Cidade da Coruña en 1982, O Canto da Terra (1987), Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994), Umbral de Vida (1996), premio Esquío de poesía e Don do horizonte (1999), -que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os volumes A néboa invisíbel e Agra da Brea- Dársenas do ocaso (2002), 1º premio Caixa Nova de poesía e Premio da Crítica Española, a plaquette Longas augas (2003) e Vagar de amor e sombra (2004).

   En colaboración con Manuel Rivas publicou o cartafol de poemas Anisia e outras sombras (1981). Colaborou nas antoloxías poéticas De Amor e Desamor I (1984) e De Amor e Desamor II (1985). Editou un libro de reflexións e aforismos titulado Arca cotidiana/Irispaxaros (1984).

   O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados As quatro estacións, sobre poemas de Seoane, e o libro de artista Irispaxaros, sobre aforismos do autor.

   É un dos fundadores e animadores da revista Luzes de Galiza. Ten traballado en proxectos de vídeo: O pintor Luis Seoane, Luis Seoane, escritor e Arquitectura galega actual. Participou na organización de exposicións relacionadas co mundo das artes ("Leopoldo Nóvoa", "Mundos", "Figuraciós", "Isaac Díaz Pardo", "O cómic galego", "Luís Seoane e o libro galego na Arxentina", "Urbe, Natura, Cosmos") e colaborou con textos sobre arte en catálogos de exposicións e libros colectivos. Coordenou o libro de conferencias A cultura e a criatividade galegas cara o ano 2000, e prologou os volumes A Coruña entre séculos (2000) e Momentos coruñeses (2001).

   En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, Galicia Emigrante. Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Alvaro Cunqueiro, A máxia da palavra (1991), o volume Luís Seoane e o cine (1994), Luís Seoane e o teatro (1996) e Luís Seoane: Textos sobre arte (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega, e, en 1994, Reto ou rendición, análise dos presupostos teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Recentemente publicou o ensaio A voz dun tempo. Luis Seoane: o criador total (1994). Con Antón Patiño publicou o manifesto Hai suficiente infinito (1999). Recentemente, saíu do prelo o ensaio, sobre o mundo do libro e da lectura, Atravesar o espello (2000, Ed. Xerais), así como a novela Ábrelle a porta ao mar (2000, Ed. Espiral Maior) e os ensaios Silverio Rivas (2002, Deputación de Pontevedra) e O sol de Homero (2002, Ed. Xerais).

   Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental en A Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art.

   Foi seleccionado en diversas antoloxías de poesía galega actual: Escolma da poesía galega, 1976-1984 (Sotelo Blanco, 1984), Desde a palabra, doce voces (Sotelo Blanco, 1986), Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria (O Castro, 1988), Poesía Gallega de Hoy (Visor, 1990), Fin de un milenio (Libertarias, 1991), 50 anos de poesía galega (Penta, 1994), Poesía gallega actual (Litoral, 1996), Antologia de poesia galega (Universidade de Campinas, Brasil, 1996), 25 anos de poesía galega: 1975-2000 (Biblioteca Galega 120, 2002), Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram, 2003), Antoloxía poética (1990-2003). Galeuzca (2003, en galego, vasco e catalán) e Poetas galegos do século XX (Espiral Maior, 2004)

(Espiral Maior, 2004)