Isidro
Novo

De ascendencia mariñá, Isidro Novo é un lugués que agás pequenos parénteses sempre residiu na súa cidade de nacemento. O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 94, sería o seu primeiro libro individual. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes, a continuación Carne de Can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa.

No 99 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerían, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte. As súas últimas obras publicadas son o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010) e o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010).

En tempos fixo radio (Gomorritas e novas criaturas) na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 92 e 95). Ultimamente e co total apoio da AELG impulsou a sección de recuperación do idioma Palabras con memoria, visíbel na web da devandita asociación. Dende hai anos publica artigos no xornal GALICIA HOXE.

[Xaneiro, 2016]

Nacín en Lugo un día de san Froilán de mediados do século pasado. De escribir e rachar papel mentres traballaba en cousas completamente alleas ás letras, pasei pouco a pouco a coller o vicio de gardar. Eso foi o que provocou que a día de hoxe teña editado algún libro e que haxa nos caixóns cousas que quizais publique algún día. No que toca á poesía soamente teño na rúa o libro Dende unha nada núa, mentres que na prosa comecei a publicar con Teaza de brétema, que foi finalista no certame O barco de vapor do 92 e logo viñeron Por unha presa de machacantes (novela cómica), Carne de can e Antollos de Eimarmena (os dous de relatos). Case todo o que teño editado ten algún recoñecemento oficial en forma de premios, como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Modesto Figueiredo ou o Manuel Murguía. Son tamén coautor dun bo número de libros colectivos, fun radiofonista cun par de amigos facendo en Radio Clavi un programa cultural (?) titulado Gomorritas e novas criaturas, fixen reportaxes para revistas publicadas non se sabe ónde nin en qué idioma, tiven un mínimo contacto co mundo audiovisual como guionista e mesmo fixen dúas guías orientativas para libar viño artesanal na cidade das murallas. Hoxe por hoxe deposito ansias no colectivo CÍRCULOS LÍTICOS, ademais de seguir derramando papel coas miñas ocorrencias.

[Febreiro, 2002]