Miguel Anxo
Fernán-Vello

   Naceu en Cospeito (Lugo) no ano 1958. Poeta e dramaturgo, realizou estudos de Música (Guitarra Clásica) no Conservatorio Superior de Música da Coruña e de Psicoloxía e Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e na Universidade de Santiago de Compostela. Como poeta está en posesión, entre outros, do Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo (1983), Premio Esquío (1984), Premio da Crítica Española (1985), Premio Xacobeo de Poesía da Xunta de Galicia (1992) e Premio Martín Códax (1996). Nos anos 1985 e 1997 foi finalista do Premio Nacional de Literatura do Estado español cos libros de poemas, respectivamente, Seivas de amor e tránsito e As certezas do clima. No ano 2001 estréase, por encargo da Orquesta Sinfónica de Galicia, a súa cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, con música de Juan Durán e baixo a batuta de Victor Pablo.

   A obra poética de Miguel Anxo Fernán-Vello foi traducida ao español (La raíz poseída, Zaragoza, 1989) e ao catalán (Llibre dels paisatges vius, Lleida, 1995) e figura en importantes antoloxías editadas en Galicia, España, Cataluña, Italia, Brasil, Bélxica, Rusia, Inglaterra e Portugal.

   Como dramaturgo foi Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega os anos 1981, 1983 e 1985 e Premio Biblioteca do Arlequín os anos 1988 e 1990. A súa obra A casa dos afogados foi estreada polo Centro Dramático Galego no ano 1991, con dirección de Manuel Lourenzo.

   No ano 1991 funda a empresa editora Edicións Espiral Maior, que dirixe na actualidade.

[Febreiro, 2002]