centro de documentación da AELG
Xoves, 2 de setembro de 2010
Procurar textos:Procura avanzada
Álvarez Cáccamo, Xosé María
AUTOBIOGRAFÍA

   Nacín en Vigo o 6 de xullo de 1950. O barrio de As Travesas e as praias de Coruxo son os espazos da miña nenez. Santiago de Compostela, onde fixen estudos de Filoloxía Románica, constitúe o referente crucial da miña mocidade. Desde o ano 1973 veño exercendo a docencia como profesor de Literatura en Institutos de Santiago, Ourense e Vigo e vivo, desde 1990, na aldea de Vilar (Vilaboa), fronte á illa de San Simón. 

   Ademais de poesía, teño publicado relatos breves e fixen algunha incursión no xénero teatral. A miña adicación aos estudos literarios céntrase na poesía galega da segunda metade do século XX. Ultimamente descubrín o esixente placer da literatura para crianzas e o territorio complementario da poesía obxectual.

   Obtiven os premios Esquío, González Garcés e Arume de Poesía para Nenos e os da Crítica de Galiza e de España.

   Formei parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos "Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e "Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996). Entre os anos 1984 e 2002 integrei a equipa directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, onde desempeñei o cárrego de Presidente durante algúns meses de 2002. Coordenei as revistas da A.E.LG. "Nó" e "Contemporánea". Fun membro fundador do "Foro da Cultura" e de "Esculca Observatorio para a defensa dos direitos e as liberdades". Actualmente formo parte do colectivo "Burla Negra" e do consello de redacción da revista Grial.

[Abril, 2003]