
Traballa no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo desde 1982. É escritor, conferenciante, investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colabora con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas.
Cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, con campañas de recollida de literatura oral en distintos concellos da provincia de Lugo. Ponente en numerosas xornadas e congresos. Participa en campañas de promoción da lectura nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais.
Creador e coordinador de contidos da Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com).
Coordinador da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004.
Recibiu, entre outros, os seguintes premios: Certame Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura (1987), o Facho (1989), o Premio Merlín (1998), Premio Supernova (1999), Premio Raíña Lupa (2000), Lucense do Ano (2002), Premio Frei Martín Sarmiento (2005); e foi finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil o ano 1999 con Memorias dun raposo, e do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria o ano 2004 con Pesadelos.
PREMIOS
- [1987] Gañador do Premio Manuel Mato Vizoso, (xunto a F. Arribas e X. R. Cuba), ex aequo, XIII edición, convocado polo concelllo de Vilalba (Lugo), por Cruces, cruceiros e petos de ánimas da bisbarra chairega.
- [1987] Gañador do Premio Certame Nacional de Artes e Tradicións Populares para Prensa, Radio e Televisión, modalidade Radio, Ministerio de Cultura, por "O mal de ollo", emitido en Radio Nacional de España.
- [1988] 2º Premio no XXI Concurso Breogán de Contos convocado polo Centro Galego de Barakaldo, por Lemobrigo, mago druída.
- [1988] Finalista (con Cristina Lombao) dos Premios Galicia de Xornalismo, polo programa "Os aventureiros" emitido por RNE en Galicia.
- [1989] Gañador do Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho, Asociación Cultural O Facho, A Coruña, por O sumidoiro calacarrúas.
- [1989] 2º no Premio no XVIII Certame Literario Meigas e Trasgos, Sarria (Lugo), por A Promesa.
- [1998] Gañador do XIII Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil de Edicións Xerais de Galicia por Memorias dun raposo.
- [1999] Gañador do Premio Supernova de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido por Televisión Lugo.
- [1999] Finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil do Ministerio de Cultura por Memorias dun raposo.
- [2000] Gañador do III Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, Deputación Provincial da Coruña, por Resalgario.
- [2003] Gañador do Premio Lucense do ano 2002, concedido pola Asociación de Prensa, Radio e Televisión da provincia de Lugo.
- [2004] Finalista do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria, Excma. Deputación Provincial de Ourense, con A noite dos pesadelos.
- [2005] Gañador do I Premio Frei Martín Sarmiento aos mellores libros do ano 2003 concedido pola Federación Española de Relixiosos da Ensinanza-Centros Católicos en Galicia (FERE-CECA Galicia) por Contos de parvos e pillos, escrito en colaboración con X. Miranda.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE BIOGRAFÍA E OBRA:


