Elvira
Ribeiro

Nacín no ano 1971 en Cerponzóns (Pontevedra). Pasei boa parte da miña vida (entre os 6 e os 26 anos) dedicándome aos estudos en diferentes lugares (Pontevedra, Compostela, Lisboa, Coimbra) frecuentemente con bos resultados, a pesar da miña inconstancia e dispersión. Milleiros de cousas aprendinas fóra das institucións académicas e tamén fóra dos libros. Estes (os libros) sempre me acompañaron alí onde fun e, ás veces, até me influíron máis que a vida mesma. A miña inclinación á arte poética vén de tan lonxe que non me imaxino sen ela. Sempre escribín aínda que comecei a publicar bastante tarde. Comecei dándome a coñecer en diferentes páxinas web e en publicacións periódicas e colectivas até que en 2005 decidín que xa era hora de dar ao prelo un libro enteiro da miña autoría. Saíu na coidada colección Tambo de poesía da Deputación Provincial e titulouse Andar ao leu. No mesmo ano saíu Arxilosa, na colección Hipocampo Amigo, proxecto que se mantén grazas ao incansábel amor pola poesía de Sabino Torres. En ningunha desas dúas obras se inclúen poemas visuais, unha vertente á que lle teño dedicado ultimamente bastante tempo e da que aparecen mostras nalgúns sitios web, como no visualobxectual, recuncho no que vou gardando fundamentalmente obra allea proveniente de diferentes lugares do mundo. A parte do absorbente labor poético adoito realizar tarefas que relacionadas coa tradución, o ensino da lingua galega, o ensino da arte cerámica, e outras actividades que teñen moito que ver co actual clima de flexibilidade laboral.

Obra na web:

- Biblioteca Virtual Galega

- Culturagalega.org

- Redesescarlata.org

- andar21.net

- incomunidade

- alkionehoxe poesía

- palavreiros do Brasil

- limiar libros

- contos ínfimos

- a porta verde do sétimo andar

[Xuño, 2006]