
Ourense 1975. Escritor e mestre de inglés.
De neno era hiperactivo, e isto reflectiuse na miña tentativa por probar a expresión plástica, a musical e a literaria. Decidín dende hai anos quedarme coa literatura. Só escribo "ensaio", no senso de que cada obra e un ensaio cara a seguinte. Descreo dos escritores que se pensan consagrados. A consagración non se acada nunca, pois os escribidores estaremos sempre no penúltimo chanzo dunha escalinata que non nos ha conducir a ningures. Sempre pensamos e pensaremos no seguinte chanzo.
Escribo indistintamente nas dúas linguas da comunidade autónoma, pois o ditado da idea determina o idioma a escoller, rexeito os -ismos, pero preocúpome moito pola pervivencia da lingua galega tras meu paso pola vida. Os demais que tenten facer o propio. A preocupación individual fará un resultado colectivo.
Son escribidor compulsivo e recoñezo que cada vez me vou afastando máis da historia en favor da idea e da introspección. Amo a literatura das ideas pero considero a literatura expositiva como un paso previo para esta. Por iso distingo entre escrita literaria e escrita cinematográfica, non teñen nada que ver mutuamente e prefiro a primeira: Literatura; das ideas; axuda vital, pulo alén do físico. A novela expositiva estará morta, pero a novela introspectiva, vivaz e de axuda vital, está máis viva ca nunca.
[Agosto, 2008]


