
Deu en nacer en Compostela, ou iso foi o que lle contaron, a tarde do 31 de decembro de 1987. Era xoves e chovía. De nena cultiva unha afección pola lectura desordenada e compulsiva, e faise socia de varias bibliotecas de Santiago. Comeza a escribir entón pequenos libros de tercetos e contos. Acada algún premio na escola e no instituto (Premio Minerva de poesía 2004 e 2005, algún premio da campaña "Entre nós, en galego" nos anos 2002, 2003, 2004, 2005, e o premio do Concello de Ames, entre outros).
Coa chegada á facultade publica algún dos seus textos en revistas (Casa da gramática, Ágora), plataformas dixitais (Alcalima) e mantén un diario-blog activo (Poetadepapel) que actualiza diariamente durante un ano, cunha media de duascentas visitas ao día. Participa nas Xornadas de Poesía Última da Fundación Alberti en 2006. Comeza por este tempo a tomar parte en recitais e obradoiros e dedícase á escrita e a corrección dos textos de maneira constante.
En 2006 publica a plaquette A pel das améndoas, e en 2007 o libro Corpo baleiro (Espiral Maior).
En maio de 2008 obtén o Premio Avelina Valladares de poesía, a partir do cal publicará proximamente o poemario Dentro en Edicións Fervenza.
En xullo de 2008 recibe o premio Biblos de novela pola súa obra Bailarei sobre a túa tumba (título provisional), novela que será publicada por Biblos a finais de ano, e que sairá á rúa en galego e en castelán simultaneamente, con tradución da propia autora.
Á espera da publicación do seu segundo libro de poemas e do seu terceiro libro e primeira incursión no terreo da narrativa, Berta Dávila traballa nos seus textos co obxectivo de seguir a avanzar no terreo da escrita. É estudante de filoloxía e actualmente reside na Coruña.
Outros datos:
Ten unha gata que se chama Mafalda.
É alérxica á penicilina.
Sabe cociñar.
[Xullo, 2008]


