(1914 - 1986)

Celestino
Fernández de la Vega

MEMBRO DE HONRA DA AELG

Celestino Fernández de la Vega, destacado militante do galeguismo cultural de preguerra, naceu en Friol (Lugo) en 1915. Con once anos transladouse a Lugo, onde cursou estudos no colexio dos Irmáns Maristas e, a seguir, no Instituto de Bacharelato.

En 1930 principiou a carreira de Dereito en Compostela e catro anos máis tarde, co obxectivo de rematar a licenciatura, fixou a súa residencia en Madrid. Pouco despois de realizar os últimos exames, Fernández de la Vega foi mobilizado para combater no bando nacional; a guerra marcará de maneira decisiva a súa obra.

Unha vez concluído o conflito bélico, comezou a preparar as oposicións a Técnico da Administración, que gañaría en 1940 e que o levarían destinado ao Goberno Civil de Lugo. Nesta cidade, Fernández de la Vega fíxose asiduo de diferentes tertulias, ás que asistían Pimentel, Fole, Antonio Figueroa, Luciano Penedo e Ramón Piñeiro entre outros.

O lugués estivo presente no proxecto da Editorial Galaxia desde o seu nacemento, aportando ensaios como "Cultura y Comunicación" (1951) e "Campanas de Bastabales" (1952), publicados en español por esixencias da censura (o 50% dos textos dun volume debía ir redixido na lingua oficial). Familiarizado coas principais correntes de pensamento do momento (con catorce anos xa lera a Crítica da razón pura, de Kant) e seducido especialmente pola filosofía de Heidegger (a quen lía na lingua orixinal), Fernández de la Vega traduciría, xunto con Ramón Piñeiro, Da esencia da verdade, do pensador xermano.

Celestino centrou os seus esforzos en evidenciar o espírito e moderno das tres características fundamentais do ser galego: a saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo. Como as súas obras máis relevantes podemos destacar "Abrente e Solpor da Paisaxe" (1958), editada nun volume colectivo en homenaxe a Otero Pedrayo, e O segredo do humor (1963), onde o lugués expón a súa particular concepción do "humor" (punto intermedio entre o lado serio do cómico e o ridículo do serio) e sinala a Castelao como o humorista máis relevante das literaturas hispánicas do século XX. Ademais, foi autor de numerosos artigos xornalísticos de temática variada (música, pintura, teatro, etc.).

Tras varios anos sofrendo unha forte depresión, Fernández de la Vega decidiu por fin á súa vida en 1986.