Mercedes
Queixas

   Madruguei un 22 de xullo de 1968 na cidade da Coruña. Presinto desde hai tempo que a época deixou pegada en min. Confirmei hai tempo, no entanto, que a acción de madrugar foi puramente accidental e moi lonxe de ser unha cualidade innata.

   Dei os meus primeiros pasos e aprendéronme os comportamentos iniciais no medio rural onde, alén de meus pais, foi determinante a convivencia cos avós paternos e, e menor medida, cos maternos. Lembro un medio rural vivo, útil e, por tanto, necesario para as persoas que o traballaban, que iniciaban e remataban nel o ciclo vital. Un medio rural onde as persoas vivían cara á terra, nunca contra a terra.

   Descubrín a cidade aos tres anos. Non debeu ser un medio deslumbrante nin demasiado traumatizador, pois non teño lembranzas moi nítidas. No entanto, nunca esquecerei a regra petando nos meus dedos apretados e apreixados pola man xenerosa da miña primeira profesora. A confirmación aínda viva do lema primate do mestre da miña nai: "La letra con sangre entra".

   Continuei a miña vida escolar sempre na Coruña, mais sen perder nunca a ollada de esguello cara á aldea. A outra vida á que fuxía periodicamente en calquera data que supuxese un mínimo tempo de lecer.

   Sempre a cidade e a aldea. Ou a cidade contra a aldea.

   No instituto de Monelos (A Coruña) espertei a un mundo novo en que o idioma galego era, ademais de lingua de conversa espontánea, o vehículo de transmisión de coñecementos diferentes das preceptivas horas de lingua e literatura galega. Nas súas aulas descubrín a capacidade da miña lingua para me aprender palabras "finas" de filosofía, física e química, matemáticas... As palabras de meus avós e de meus pais en primeira liña e fóra do ámbito restrinxido da miña casa.

   Teño que recoñecer que unha parte do profesorado do instituto deixou pegada forte na modelación da miña personalidade e, quizais, marcou a miña escolla posterior rumbo ao mundo da filoloxía galega.

   Incorporeime no curso 1986/87 á Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e, de novo, alí atopei grandes docentes que nos acolleron, aos que formábamos parte daquela primeira promoción, con afecto e proximidade, se ben non exento de rigor e de esixencia.

   Rematada a carreira universitaria cumpría iniciar a consecución dunha meta inherente á condición de persoa adulta: a inserción no mundo laboral.

   Deseguida, o xeneroso equipo da editorial Laiovento me abriu as portas do seu proxecto e durante cinco anos colaborei con esta empresa editorial como coordinadora. Esta etapa convértese na miña achega máis directa ao mundo do libro, dos escritores e das escritoras, do proceso de impresión, encadernación, edición... Un mundo complexo, ás veces, mais enriquecedor na miña formación, pois permitiume, ao longo de cinco anos, convivir día a día coa realidade literaria galega, manténdome á última dos novos autores e autoras en galego, das diferentes correntes traballadas ou innovadas, da necesidade de acrecentar o corpus literario galego coas traducións de obras clásicas...

   Simultaneamente, dado que a docencia era desde había tempo un obxectivo a conseguir, presenteime ás oposicións ao ensino secundario e conseguín superalas no ano 1996, apenas catro meses antes de alcanzar outro grande logro como muller: o nacemento da miña primeira filla.

   Desde o curso 1996/97 imparto aulas de lingua e literatura galega. O meu primeiro destino, froito do casual destino, volveu ser o IES Monelos, que supuxo o reencontro cos meus formadores e formadoras iniciais, xa agora convertidos en colegas, nunha nova experiencia gratificante. Mais axiña chegou o traslado ao CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco (A Coruña), onde sigo a exercer a docencia na actualidade.

   Máis unha vez o medio rural comigo. Máis unha vez a realidade aldeá e a súa idiosincrasia particular.

   O contacto directo coas aulas e as miñas inquedanzas por elaborar materiais didácticos para o alumnado leváronme a participar na redacción de diferentes libros de texto e unidades didácticas.

   A escrita foi nacendo progresivamente, foi xurdindo sen a forzar, sen tan sequera procurala. Máis ben foron outros os que sempre me convidaron a trazar o camiño do cultivo da escrita. Non foi un camiño en solitario, pois sempre me sentín arroupada por amigos, compañeiros e compañeiras, familia, antigos profesores... Froito de todas e todos eles velaí están as miñas publicacións, o meu pequeno contributo a este país que adoro e a esta nosa historia literaria que abrolla futuro xeración tras xeración.

   Na actualidade, desde febreiro de 2005, exerzo como secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

   Comparto soles, ventos, treboadas, reloxos de area, vogais abertas e pechadas, foles novos, con moitas persoas boas que me rodean, que me aprenden, emocionan, fan rir, sorprenden, animan, acariñan, bican. Vivo contaxiada de moita vida viva. O resto ignóroo. Aprendino a tempo. Receita básica de sobrevivencia neste proceso de continua degustación que é a existencia.

   [Foto de Xabier P. Docampo]