centro de documentación da AELG
Mércores, 22 de outubro de 2014
Procurar textos:Procura avanzada

Tino Rábade

BIOGRAFÍA

   Nacín o 14 de Marzo de 1952, en Betanzos (A Coruña). Os meus catro primeiros anos residín en Rábade (Lugo),onde meus pais dispuñan dun establecemento de confiteria. Aos catro anos trasladeime con meus pais a A Coruña, onde abriron outro negócio de pasteleria, no número 14 da rúa de San Agustín. Si, efectivamente, na casa onde residía Dª Gala Murguía de Castro, filla pequena de Manuel Murguía -que tamén vivira e morrera neste domicílio- e de Rosalía de Castro.

   Dona Gala vivia no primeiro piso este edifício. Queria-me muito e eu, que era un neno, lembro-a como unha señora mui maior. Fina, a súa asistenta, tamén me tiña muito cariño e sorprendia-se de que eu, sendo tan cativo e castelán-parlante de cidade, entendera o galego (e mesmo soubera algunhas palabras deste idioma) que falaba a súa sobriña pequena, que viña da aldea.

   A vivenda de Dona Gala era unha casa antiga de paredes e tabiques anchos, con chan de madeira e dimensións considerabeis. Eu residia con meus pais -e, dende os seis anos, tamén con meu irmán pequeno- na pranta baixa, habilitada como establecemento de confiteria e vivenda.

   Dona Gala posuía unha bibilioteca, que non recordo se a herdara dos seus pais; e que donou tampouco recordo a quen (Se cadra á Biblioteca do Concello de A Coruña...¿Ou talvez á Real Academia Galega?). Ás veces, tiña visitas de xente máis ou menos ilustre. Agora lembro somentes a D. Xoán Naia, daquela cronista oficial de A Coruña.

   A filla de Rosalía regalou-lle, creo que eran as obras completas da súa nai, a meus pais. (Xunto con outro libriño pequeno, que coido que eran os Cantares Gallegos). Eu, na miña infáncia, xa me convertera nun ávido lector e aproveitei para ler, cando menos, que lembre agora, algúns textos da poetisa galega.

   Neste senso, polo demáis, xa tiven tamén un bon mentor da fala e lectura galegas. En efecto, na casa que estaba a carón da miña, residía nada menos que o que pasaria a ser o Mestre Ramiro Cartelle. A súa família e maila miña matiñamos unha amizade mui estreita.

   Ramiro, ademáis de mostrar uns orixinais, sorprendentes e fermosos disfraces polo antroido, foi un excelente pianista, como músico, profesor e compositor. Nós disfroitabamos ao escoita-lo falar en bon galego, cando utilizaba o teléfono da nosa casa. Porque Cartelle, ademáis de ser un home bon, era culto, dispuña dunha boa biblioteca e destacaba como galeguista comprometido. Se non me engano, foi un dos membros fundadores da Asociación Cultural "O Facho", sita en A Coruña.

   A Ramiro debo, asemade, parte da miña iniciación no idioma, literatura e cultura galegos. De certo, sendo eu ainda ben cativo, regalou-me un libriño que contiña contos de Castelao, Otero Pedrayo, Dieste, etc. Xunto a esta obra, agasallou-me con outra de textos teatrais de Shakespeare para nenos. Tamén iniciou así, portanto, a miña inquietude polo teatro. Afición que eu desenvolvería -estimulado polo amigo, veciño e, desde enton, compañeiro profesional, Antón Francisco Simón- e, un lustro máis tarde, tamén, como autor e director.

   Polo que parece, empecei a falar -e bastante correctamente- cando ainda era mui cativo. Aprendin antes que a andar, que disque adoitaba acontecer á inversa. De calquera xeito, tamén aprendin a ler axiña e convertin-me nun lector mui ávido; de tebeos -El Capitán Trueno, Supermán, etc- ou novelas do Oeste e policiacas, ademáis de outros xéneros: Rob-Roy, El último mohicano, etc. tamén gostaba do cinema.

   Tras dun episódio efímero na Grande Obra de Atocha, sendo ainda un cativiño mui pequeno, fixen a miña primeira aprendizaxe nun par de modestas escolas privadas. Ata que, aos nove anos de edade, entrei a cursa-lo Ingreso no Coléxio de Salesianos.

   Cos cregos estiven ata remata-lo Bacharelato Superior e maila Reválida. Fixen-o pola modalidade de "Ciencias", que me recomendaron na miña casa, porque tiña más "saidas". De calquera xeito, desconcertado e sen orientación sobre os estúdios superiores ou carreira universitária que me convenceria cursar, tendo en conta, ademáis, o meu talante independente, decidin procurar algún traballo, para conseguir amiña autonomia económica respecto da família.

   Pensei, daquela, en preparar-me somente con algo de mecanografia e contabilidade para traballar como administrativo. Mais un amigo da infáncia, estudiante de Comércio, convenceu-me para que seguira tamén os seus estúdios. Ao dispór do Bacharelato Superior, convalidarian-me bastantes asignaturas e poderia face-la Peritaxe Mercantil nun par de anos. Asi contaria tamén cunha carreira média...

   Esta asignatura, a Economia, axudaba-me bastante a entende-lo mundo. Xa, daquela, eu era consciente do que se coñecia como "crise da civilización occidental". O que pasa é que para entender ésta e procurar-lle solucións non abondaba con saber de Economia. A crise era máis ampla e profunda...

   Portanto, acabei o primeiro curso de Profesorado Mercantil -tiña 19 anos- e entrei en crise; própria da adolescéncia, pero, asemade, no relativo ás miñas inquietudes de coñecemento e formación. Ademáis, as Ciencias non se me daban mal -como tampouco as Artes-, pero preferia as Letras... E, entre éstas, algunha forma de coñecemento de envergadura, que me permitira entende-lo mundo con maior amplitude e profundidade que a própria Economia. (A pesares da releváncia que ten ésta no "materialismo histórico e dialéctico", ou filosofia elaborada por Marx e Engels, na que tamén me iria iniciando, ainda que non de xeito dogmático e excluinte).

   Asi que pensei que poderia satisfacer as miñas inquedanzas coa Filosofia. Cando llelo comuniquei aos meus pais, disgostaron-se. Dixeron que era unha mágoa que deixara unha carreira brillante; ademáis... Non podian afrontar-los gastos dunha carreira universitária e a pensión e alimentación miñas noutra cidade: Santiago de Compostela. Porque, asemade, haberia que sufraga-los estúdios do meu irmán, seis ano smáis novo ca min e que, co tempo, se fixo catedrático de galego-portugués.

   Disque "a necesidade agudiza o inxénio". Asi que procurei o centro de estúdios máis económico para cursa-lo C.O.U., ou "Curso de Orientación Universitária". E atopeino nos mesmos Salesianos; polo que convencín aos meus pais para que me sufragaran este curso.

   Asi o fixen. Un pouco deprimido ás veces, porque tiña a sensación de retroceder ao pasado. O C.O.U. viña ser un curso semellante ao Preuniversitário (Preu), que se podia cursar nos meus tempos anteriores, tras remata-lo Bacharelato Superior. Viña ser como un curso de preparación universitária...

   Mais o C.O.U. estaba máis actualizado e orientaba mellor cara escolle-los estúdio suniversitários. Certamente, tras rematar este curso -onde din a miña primeira conferéncia: "Un sentido de la vida"-, con vinte anos de edade, e despois de ter realizado unha completa bateria de test psicolóxicos por un psicólogo profesional, acertaron de cheo coa miña vocación universitária. ¡Nen que llelo tivera dito eu mesmo! Efectivamente, a orientación final cara os meus estúdios universitários era a seguinte: Filosofia Pura, Psicoloxia ou História.

   Plantexei-me que a Filosofia Pura teria menos "saidas": como profesor e/ou escritor. A Psicoloxia era máis práctica e factíbel para viver dela profesionalmente. E a História -que tamén poderia exercer como profesor e escritor- parecia-me mui necesária para entende-lo mundo e esa "crise da civilización occidental" que estabamos a viver. De certo, boa parte dos meus escritos están concebidos desde unha perspectiva histórica...

   E a "crise da civilización occidental", tras coñecer e experimetnar tamén o ourentalismo, as paraciéncias, as relixións, o esoterismo e o resto das correntes contraculturais, xunto á miña experiéncia e compromiso políticos, cheguei á conclusión de que se trataba da decadéncia e declive da sociedade industrial e o tránsito ou emerxéncia da sociedade tecnolóxica, xunto ao comezo da Era espacial. (Ou, por outra banda, tamén, segundo a Astroloxia, o tránsito da Idade dos Peuixes á de Acuário... Mais tendo en conta semade, en definitiva, o risco dun cataclismo ecolóxico a escala planetária).

   O ano que cursei C.O.U., polo demáis, foi tamén mui creativo. Dediquei-me a cantar, acompañado da miña guitarra, na época tardia do movimento galego e comprometido de "Voces Ceibes". Ainda que eu cantaba, non só en galego, mais tamén en castelán e portugués. Traballei asemade con tres grupos de teatro aficionado -Anónimo Talía e Tespis-, como actor, autor e director. A inquietude por escreber xa ma suscitara na Escola de Comércio un íntimo amigo meu, cando tiña entre 17 ou 18 anos de edade...

   Anos despois, ademáis de impartir algunhas conferéncias e traballar en muitas cousas, tamén de administrativo, colaborei nalgunha revista e na prensa, sobre tudo en La Voz de Galicia. Alén diso, escrebin e publiquei várias obras de teatro: Lenda antiga dun home que querera voar (1979) -gañadora do I Prémio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega de A Coruña-; Obradoiro de Alquimista (ata agora sen publicar); A história xamáis contada de Brancaneves e o rei Artur -Mención Honorífica no VIII Concurso Nacional de Teatro Infantil O Facho (1988)-; e Cibernautas: Revista Galega de Teatro, nº 38, ano 2004. (Ademáis, teño algún relato curto e poesia, en castelán, polo momento sen publicar).

   Rematado C.O.U., puxen-me en disposición de inicia-la carreira de Filosofia e Letras. Ainda non tiña decidido cal era a especialidade que ía escoller. Pero, polo plan antigo de estúdios, os dous primeiros anos eran de "comúns" e non se escollia a especialidade ata o terceiro curso. Se empezaba o novo plan que estaba previsto, non obstante, a especialidade comezaria desde o primeiro curso; correspondendo os tres primeiros anos á Diplomatura e os dous seguintes -5 en total- á Licenciatura (Posteriormente, poderia-se face-lo Doutorado).

   Como a família non podia costear-me os gatos que implicarian os novos estúdios, solicitei unha beca para o Burgo das Nacións, en Santiago, tanto para o comedor como para residéncia. Mais, nese mesmo curso, inaugura-se, en A Coruña, o Coléxio universitário, onde tamén se impartirá o primeiro curso de Filosofia e Letras.

   Case cando vai iniciar-se o novo curso, non dispoño ainda de respota á miña solicitude de beca par ao Burgo das Nacións (que non chegará ata o mes de Novembro ou Decembro). Daquela, ainda que nen sequer se sabe se vai continua-lo mesmo plan de estúdios ou iniciarse o novo, decido matricular-me no Coléxio Universitário de A Coruña...

   Como xa me pasara no Primeiro ano de Profesorado Mercantil, agora, en Filosofia e Letras, os meus compañeiros tamén me elixen Delegado de Curso. O plan de estúdios é o antigo, polo que se encontra desfasado. Portanto, xurden conflictos académicos...Pero tamén políticos, xa que nos encontramos no tardofranquismo e hai axitación contra a dictadura por parte do movimento estudiantil.

   Conflictos académicos e políticos que tamén se producen no Coléxio Universitário de A Coruña, nos que, asemade, estou implicado, mesmo como protagonista. Entre os involucrados, asemade, se encontra a que, pouco despois, será miña esposa. De certo, casei aos 21 anos e logo tiven un fillo: Brais. Pero afastei-me dez anos despois e divorciei-me bastantes anos máis tarde.

   Como Delegado de Curso e, portanto, máximo responsábel, son represaliado, tanto desde o ponto de vista académico, como político. No primeiro aspecto, cando prácticamente só falta un mes para que remate o curso, mediante amaños burocráticos, comunica-se-me que eu, realmente, teño de face-los meus estúdios en Santiago de Compostela.

   Máis, cando chego a esta cidade, advirte-se-me que xa non podo dispór da beca de comedor e residéncia do Burgo das Nacións. Vários amigos e compañeiros de estúdios acollen-me na súa pensión como "polizón". En canto á comida, vou arranxando-me como podo, con axudas e cos recursos escasos de que dispoño. Polo demáis, somente podo examinar-me de dúas asignaturas (que aprobo, mesmo con sobresainte en Filosofia...).

   Pero, posteriormente, tamén me suprimen as prórrogas por estúdios e debo incorporar-me ao servzo militar. Teño sorte relativa, porque o destino me corresponde en Ourense, pero vou fichado por motivos políticos...

   Remato o servizo militar e traballo en actividades diferentes, sobre tudo de administrativo. Xurde a posiblidade e Manuel Lourenzo anima-me a profesionalizar-me en teatro, xunto a outros compañeiros, en 1979; primeiro na Escola Dramática Galega e, despois, na Compañia Luis Seoane, en ambos os dous casos en A Coruña.

   Dende entón, entre outros ofícios, veño traballando profesionalmente como actor -teatro, dobraxe, cine e T.V.-, autor teatral (xunto a colaboracións como escritor e sobre temas diversos, en prensa e revistas) e director e monitor, tamén en teatro. Neste sentido, son membro da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galiza (AADTEG) e tamén formo parte, prácticamete desde a súa fundación, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

   CURRÍCULOS MEUS:

- Gran Enciclopedia Gallega, tomo 35.

- Catálogo de Dramaturgos Galegos -1973/2004-. Xunta de Galicia.

- Diccionário de Teatro Galego (1671-1985), Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor. Ed. Sotelo Blanco.

- O Teatro Galego Contemporáneo (1936-1996), Pedro P. Riobó. Ed. Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor".

- Revista Galega de Teatro nº 13-xullo de 1996/Revista Galega de Teatro nº 38-Primavera de 2004.

   OBRAS PUBLICADAS

- Lenda antiga dun home que quererá voar. Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 8-1979.

- A história xamáis contada de Brancaneves e o Rei Artur -Asociación Socio-Pedagóxica Galega- 1998.

- Cibernautas. Revista Galega de Teatro, nº 38 -2004.

   SOBRE "CIBERNAUTAS"

- Presentación do texto en "Libreria Lume", A Coruña, o 13 de Agosto de 2004. Reseñas en prensa acerca de este acto: La Voz de Galica, El Ideal Gallego, e La Opinión.

- Reseña de Cibernautas: Páxina Literaria, de Xulio Valcárcel, El Ideal Gallego, 15 de Agosto de 2004.

 

 

A Coruña, 28 de Setembro de 2005