centro de documentación da AELG
Martes, 9 de febreiro de 2010
Procurar textos:Procura avanzada
Requeixo, Armando
BIOGRAFÍA

   (Mondoñedo, 1971)

   É profesor de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio, tendo desempeñado tamén labores docentes no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago.

   Como investigador e analista literario é autor de monografías, edicións e estudos introdutorios a obras de Ánxel Fole, Aníbal Otero, Luís Seoane, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Xácome, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro de las Casas, Baldo Ramos, Medos Romero, Arcadio López-Casanova ou Antonio García Teijeiro, entre outros, téndose tamén co-responsabilizado da edición e estudo da antoloxía de conto galego actual Materia prima. Relatos contemporáneos (2002), amais de editar en catro volumes a escolma bilingüe galego-castelá Antoloxía de narrativa galega (2007).

   Ensaísta e tradutor, é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Sección de Crítica desta e mais da Asociación Española de Críticos Literarios e recibiu varias distincións polo seu labor como crítico, investigador e tradutor literario, entre elas o Premio Xerais á Cooperación Editorial 2004.

   Como crítico literario, actualmente, e dende hai anos, exerce como comentarista habitual na revista Tempos Novos e nos xornais Faro de Vigo e Diario de Ferrol, colaborando tamén no programa sobre literatura Libro aberto da Televisión de Galicia e nas páxinas culturais do semanario A Nosa Terra.