Teresa Seara (Toén-Ourense, 1968) é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesora de ensino secundario. Na actualidade, redacta a súa Tese de Doutoramento sobre poesía contemporánea e colabora, como crítica, na revista Tempos Novos. Ademais ten sido redactora do Diccionario de Literatura, dos tomos de literatura do Proxecto Galicia (Hércules Edicións) e da antoloxía Para saír do século (Xerais, 1997, en colaboración con Luciano Rodríguez). Artigos e reseñas da súa autoría aparecen periodicamente en A Nosa Terra, Anuario de Estudos Literarios Galegos, Grial, Festa da Palabra Silenciada, Dorna e Boletín Galego de Literatura. Preparou tamén a introdución e selección de autores para un especial sobre poesía galega da revista virtual Enfocarte.com (http://www.enfocarte.com/poesiagallega).
Ten feito prólogos para obras de Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Frías Conde e Rafa Villar. Traduciu poemas de Salvador García-Bodaño, Xulio Valcárcel e Manuel María. Na actualidade prepara unha antoloxía da obra de Miguel Anxo Fernán-Vello.


