Palabras con memoria
PALABRAS CON MEMORIA é unha iniciativa da AELG, coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios. O visitante da web, ademais de consultar o glosario mensualmente actualizado pendurado nela, poderá enriquecelo enviando os vocábulos que teña arrombados no faio da lembranza ao enderezo
palabra.con.memoria@aelg.org ou enchendo este
formulario . Se algunha palabra enviada non aparece na listaxe é que foi localizada nalgún dicionario.
Propoñemos que durante un tempo, e coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada "red winter" e a insípida "golden" que lles venden no supermercado. Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais. Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita.