Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago e do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo). Co apoio da Deputación Provincial da Coruña.
Foto da actividade
Disme o corpo. Douche a voz. Miradoiro de palabras en acción

 

O teatro non é para ler nin para mirar.
O teatro non é a arte da palabra nin a do movemento.
Non é a arte dos risos nin a dos prantos.
Non é a arte do foro político nin a do bufón.
Non é colectivo nin individual.
Non é verdade nin mentira.

O teatro é todas estas cousas. E moito máis.

Un territorio
onde os extremos se xuntan,
onde as diferenzas se encontran,
onde os contrarios se unen,
onde todo é posible.

 


 

Escola de Escritores-as da AELG propón un novo Obradoiro de creación literaria, nesta ocasión enfocado ao xénero teatral, impartido por Roi Vidal e con Clara Gayo como autora convidada a impartir unha sesión maxistral. Terá lugar no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo).

Comezará o 15 de outubro e desenvolverase ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha, os sábados de 11.00 a 13.00.

A inscrición, gratuíta, farase a partir do 15 de setembro no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo), ou no 981 528 740.

As 25 prazas, para maiores de 16 anos, adxudicaranse por orde de solicitude.

 


 

Este miradoiro de palabras en acción parte da base de que a falta de coñecemento profundo do teatro é común na sociedade actual e de que o único indispensable para saber escribir teatro é saber ler/ver teatro. Houbo un tempo, ou algúns tempos, no que o teatro estaba de moda. Na Grecia clásica ou nos anos setenta do xéculo XX. Hoxe a intelectualidade prefire os roteiros da música indie, as series televisivas e o cinema. E o teatro, case sempre usado de maneira errónea como sinónimo de falsidade, fica para criticar políticos e futbolistas.

Neste obradoiro de escrita dramática traballaremos lecturas de textos e faremos unha introdución ás principais regras da dramaturxia para, a partir de aí, as participantes iren desenvolvendo unha escrita persoal mediante a práctica de estratexias de creatividade literaria orientadas á elaboración de textos dramáticos.

Obxectivos

  • Comprender o que o teatro ten de característico respecto ás outras artes.
  • Familiarizarse coas convencións do xénero dramático e as da súa traslación escrita.
  • Adestrar a escrita individual e colectiva mediante o uso de estratexias creativas.
  • Obter unha visión xeral da evolución da literatura dramática a través da historia.
  • Familiarizarse cos grandes temas e mitos do teatro universal.
  • Saber analizar un texto teatral para valorar a calidade do mesmo.
  • Comprender o significado da dobre dimensión da escrita dramática, como literatura e como guión escénico.
  • Aprender a crear diálogos, personaxes, argumentos, espazos e textos teatrais, tanto de maneira autónoma como integrada.

 

As primeiras sesións serán de introdución a aspectos teóricos a partir dunha metodoloxía participativa, e as últimas estarán máis orientadas ao proxecto dramatúrxico de cada participante, de xeito que ao final teñan un texto de tamaño medio rematado e listo para representar. Se posíbel, a derradeira sesión consistirá nunha lectura dramatizada aberta ao público.

 


A Escola de Escritoras e Escritores da AELG

Centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.