Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra
Foto da actividade
Imaxinar mundos, sementar palabras
Obradoiro de escrita infanto-xuvenil

 

Impartido por María Reimóndez e Eli Ríos.

Duración: 12 sesións de 2 horas cada unha (todos os sábados excepto os festivos). A data de comezo foi o 11 de febreiro de 2017

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)

25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos

Inscricións en inscricions@pontevedra.eu. As prazas asignaranse por orde de solicitude.

 

Dirixido a persoas con interese en explorar a escrita de literatura infantil e xuvenil nos seus diferentes xéneros.

 

Obxectivos:

Explorar as concepcións existentes sobre a literatura infantoxuvenil e afondar en debates relevantes deixando atrás visións estereotipadas desta forma de escrita.
Utilizar as ferramentas participativas para estimular a creación literaria propia entre as persoas participantes.
Afondar no entendemento da escrita dende unha óptica crítica que poña en tea de xuízo os relatos e lecturas adquiridas e institucionalizadas dende os discursos hexemónicos para o público infantoxuvenil.

 

Desenvolvemento:

As dúas primeiras sesións foron de achegamento ás persoas asistentes recuperando as lecturas que lles impactasen ou quedasen na súa memoria. Con elas abriuse o debate sobre o que é a literatura infantil e xuvenil e reflexionouse sobre o propio xénero partindo sempre desde o texto.
A terceira, cuarta e quinta sesión estiveron dedicadas á poesía infantil e xuvenil, na forma, linguaxe, recursos, etc, e co foco posto na recepción dos textos. Traballáronse poemas da nosa literatura e os que compuxeron as persoas asistentes ao longo destas sesións.
A sexta, séptima e oitava sesión dedicaronse á narrativa, na súa técnica así como noutros aspectos como o desenvolvemento das personaxes, sentimentos, emocións, descricións, etc
As sesión novena e décima estiveron centradas no teatro e nas súas dificultades para enfrontarse ao texto. Non só se recorreu aos textos senón ás propias dramatizacións do grupo.
As dúas últimas sesións centráronse na posta en común dos elementos traballados, así como na presentación de xéneros escasamente desenvolvidos dentro da literatura infantil e xuvenil galega como pode ser o ensaio.

Cinco sesión foron impartidas por María Reimóndez e cinco por Eli Ríos, mentres que a primeira e a última contaron coa presenza de ambas.