Do 14 de setembro de 2017 ao 2 de novembro de 2017
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG co patrocinio e colaboración do Concello da Coruña
Foto da actividade

O obradoiro, para persoas maiores de 16 anos, desenvolverase os xoves desde o 14 de setembro até o 2 de novembro de 2017, en horario de 18.30 a 20.00, no Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela, 17). O número de prazas é de 12.

 

É impartido por Celia Parra, escritora socia da AELG, licenciada en Comunicación Audiovisual e especialmente interesada na fusión da poesía con outros formatos e linguaxes.

Proponnos un obradoiro de iniciación para achegarse á videopoesía. Traballaremos con textos, pensaremos en imaxe, escoitaremos a música das palabras e levaremos versos á pantalla para crearmos o noso propio videopoema.

 

 

 


Celia Parra

Adícome á literatura e á produción audiovisual. Logo de estudar Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (USC), cursei o Máster en Produción e Xestión Audiovisual pola Universidade da Coruña (MPXA, promoción 2012). Teño traballado nos departamentos de produción de recoñecidas produtoras galegas, como Vaca Films, Ficción Producciones ou Tic Tac Producciones. Dende 2013 son co-produtora executiva do proxecto transmedia Versogramas, unha viaxe a través da videopoesía, xunto coa produtora coruñesa Esferobite.

Como creadora, interésame a hibridación da poesía con outros formatos e linguaxes: audiopoesía, videopoesía, poesía en soporte web... Desta curiosidade naceron o CD de audiopoesía RE(C)VERSO, o poemario web “Cocíñame”, varios booktrailers e unha serie de videopoemas iniciada en 2012 na que sigo experimentando.

No campo da poesía, teño recibido recoñecementos coma o Avelina Valladares, María Mariño e Ánxel Casal, e senllos terceiros postos en concursos coma o Xuventude Crea ou o Minerva. Froito do Avelina Valladares emerxeu o meu primeiro poemario individual, No berce das mareas (2009, Ed. Fervenza). Publiquei tamén diversos textos en publicacións colectivas, coma a Revista Dorna, a Antoloxía do Sentimentalismo150 Cantares para Rosalía de Castro, etc. Participo habitualmente en recitais poéticos de diversa índole.