Do 19 de maio de 2017 ao 20 de maio de 2017
Organizan AELG, Asociación Galega de Editoras e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, e a colaboración da Fundación Eugenio Granell.
Foto da actividade

Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato e Pere Gimferrer, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Hélia Correia, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético.

Con motivo da súa estadía en Galicia, Hélia Correia desenvolverá unha axenda de actos que comeza cun encontro cos medios, o venres 19 de maio, ás 12:00, no Hotel Virxe da Cerca (Rúa Virxe da Cerca, 27 - Santiago de Compostela); e continúa, nese mesmo día, ás 18:30, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, s/n. - Santiago), onde ofrecerá unha conferencia-coloquio, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Carlos Quiroga, vogal de Lusofonía da AELG.

Finalmente, Hélia Correia recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, o sábado 20 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.


Hélia Correia naceu en Lisboa en 1949. Licenciada en Filoloxía Románica na Faculdade de Letras de Lisboa, foi profesora de lingua portuguesa no ensino secundario.

En 1981 estreouse na poesía con O Separar das Águas; en 1982, foi a vez d'O Número dos Vivos. A novela Montedermo, escenificada polo grupo O Bando, acabou por dar á autora un certo destaque. Este enfoque reflicte, desde moi cedo, o gusto da autora polo teatro e a Grecia Clásica. Destacan tamén, na súa produción literaria, as obras narrativas Casa Eterna e Soma. Xa en poesía, hai que salientar A Pequena Morte/Esse Eterno Conto. En 2010, Hélia Correia publicou a novela biográfica Adoecer, en que aborda a historia de amor entre Elisabeth Siddal e o poeta e pintor pre-rafaelita Dante Gabriel Rossetti. En 2012 publica a obra A Terceira Miséria, que foi dobremente premiada na modalidade poesía.

Ten recibido os premios Máxima de Literatura (1991, 2006), D. Dinis (2001), P.E.N. Clube Português de Novelística (2002) e Poesía (2013), Vergílio Ferreira (2013) e, en 2015, o Prémio Camões.