Do 1 de abril de 2017 ao 29 de abril de 2017
Unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra
Foto da actividade

Paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra.

 

50 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse a partir do 28 de marzo en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:

  1. Paseo literario no que se quere inscribir
  2. Nome completo
  3. Enderezo electrónico
  4. Teléfono de contacto

A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.

Todos os paseos con partida ás 11.30

 

  

Sábado, 29 abril

Boapedre (na ficción): A Pontevedra da Palabra Antiga, namorando o Río, de Agarimo no Mar, con Xosé Vázquez Pintor

Seguindo escenarios da novela A memoria do boi, faremos un percorrido polos espazos da cidade antiga de Boapedre, onde, en épocas diversas, os personaxes da obra tentaron vivir, soñar e impedir que as inxustizas de sempre marcasen as súas existencias.

 

Xa tiveron lugar os paseos

Sábado 1 de abril, Pontevedra, onde o silencio é sonoro, con Fina Casalderrey.

De certo, para percorrer Pontevedra, coma calquera das cidades con importante patrimonio histórico-arquitectónico, non precisamos nin de palabras. Abonda con levar os ollos abertos e ‘escoitar’ as pegadas na pedra, nas fontes, nos vestixios da vella muralla, nas estatuas dos persoeiros (Valle-Inclán, Castelao, Bóveda, Manuel Quiroga, Teucro, a serea Leucoíña...), nas casas brasonadas...; pegadas que nos falan se as invocamos. Percorremos o casco histórico, desde a Basílica de Santa María a Maior (a Grande), onde se comezou por subir ao campanario e imaxinar as orixes da cidade, e contemplar o primeiro, e no seu día tan próspero, barrio da Moureira, xa só imaxinado; para rematar na Praza da Peregrina. De camiño, nas pontes, nas pegadas dos vellos faladoiros, nas rúas, nas vellas imprentas, nos restos da antiga muralla, nos monumentos, nos edificios emblemáticos, nas pedras (que tamén teñen alma), nas prazas, nas fontes, nos escudos, nas árbores, nas estátuas..., foron agromando as lendas, as pegadas dalgúns dos nosos personaxes sobranceiros, que nos contaron algunhas cousas que, inevitablemente, se mesturaron con algunhas lembranzas propias.

Sábado 22 de abril, Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos, con Xosé Monteagudo

Seguindo escenarios da novela Todo canto fomos, entre outros, vimos onde se situaban os principais cafés dos anos vinte e trinta, berce de importantes iniciativas culturais e políticas (Café Méndez Núñez, Café Moderno), algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época (Escola de Maxisterio Feminina, Colexio Froebel, Instituto), onde estaban as imprentas que publicaban os xornais e obras literarias, e visitamos os lugares relacionados coa fundación e funcionamento do Partido Galeguista, así coma os da represión exercida na cidade tras o golpe de Estado do 36.