AELG
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 420 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica, traducións...

Foi fundada no ano 1980 por algúns dos escritores máis sobranceiros da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta, entre outros.

A AELG é un dos órganos instituídos pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel. Forma parte do European Writers' Congress.

A AELG agrupa autores e autoras residentes tanto en Galiza canto fóra dela, asumindo como único requisito de afiliación a condición de contar cando menos cun libro individual publicado en lingua galega.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega traballa a prol da dignificación do oficio de escritor/a, así como da promoción dos autores/as e das súas obras, do fomento da interconexión e intercambio entre eles, da interrelación con outros profesionais, quer sexa doutras literaturas ou doutras áreas en xeral, proporcionando foros para o debate das ideas cunha perspectiva monográfica, mais tamén transversal. Desde a AELG tentamos velar polas inquedanzas e intereses dos autores e autoras en lingua galega, poñéndoos en conexión coa sociedade e reclamando a atención das institucións e medios de comunicación sobre eles e as súas necesidades.

A AELG realiza unha serie de encontros anuais que forman parte da súa tradición, como é a homenaxe "O escritor na súa terra", dedicada a sobrancear a traxectoria dun autor ou autora das nosas letras e na cal se planta unha árbore, se erixe unha pedra escultórica e se lle dedica unha rúa ou praza na súa terra natal. Asemade, a AELG outorga o Premio AELG á mellor obra literaria do ano e organiza congresos, xornadas e actividades varias, colaborando, ademais, en iniciativas afíns organizadas por outras entidades e institucións.

A AELG forma parte, xunto coa Asociación de Escritores en Euskera e a Asociación de Escritores en Lingua Catalá, do lanzamento do GALEUSCA, un encontro anual de escritores e escritoras dos tres espazos literarios organizado de xeito rotativo polas tres asociacións promotoras.

Consello Directivo da AELG

PRESIDENCIA:

Cesáreo Sánchez

VICEPRESIDENCIA:

Alicia Fernández Rodríguez

SECRETARÍA XERAL:

Mercedes Queixas

TESOURARÍA:

Marta Dacosta

VOGALÍA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA:

Carlos Negro

VOGALÍA DE VIGO:

Ledicia Costas

VOGALÍA DE RELACIÓNS COA LUSOFONÍA:

Carlos Quiroga

VOGALÍA DE RELACIÓNS INTERNACIONAIS:

Xavier Queipo

VOGALÍA DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL:

Antonio Reigosa

VOGALÍA DE NOVOS FORMATOS DA ESCRITA:

Rosalía Fernández Rial

VOGALÍA DE COMUNICACIÓN:

Ramiro Torres

VOGALÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA:

Afonso Becerra

[Todos os Consellos directivos]