Centro de Documentación da AELG
"As historias boas son universais"
3 de abril de 2006
Nacho Mirás Fole
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Voz de Galicia

Responde ben á descrición de obreiro ilustrado, alguén que primeiro foi outra cousa e logo, escritor. Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) comezou na literatura xuvenil a piques de cumprir corenta anos. Hoxe é un dos escritores galegos máis traducidos e xa vai polo libro 37 ou 38, custa levar a conta.

-¿Cando produce non está para ninguén?

-A vida tes que facela igual, pero que si é certo que, mentres escribes unha novela, a cabeza está na novela. Non che pasa nun libro pequeno, eses son máis carreiras de cen metros, pero na novela é moi curioso: se agora estivera nunha, ao mellor incluso desta conversa sairía algo que podería servirme.

-¿Traballa por encarga ou manda vostede?

-Só hai dous casos de libros pequenos de encarga. Eu escribo as ideas que se me veñen á cabeza e, cando estou acabando, dou noticia delas. Pero iso é agora; hai anos aínda tiña que mandar os orixinais e loitar.

-Unha pregunta de encarga: ¿Síntese o escritor galego que máis vende? ¿E sinte responsabilidade por iso?

-Non me podo queixar do de vender. Pero tampouco son tan parvo como para pensar que o das vendas quere dicir algo; eu son un tipo que escribe e trato de facelo o mellor posible. Di Suso de Toro que sempre hai que escribir como se foras a escalar o Everest; outra cousa é que despois non chegues. Pero diso a sentir responsabilidade...

-¿Por que escribe para o público xuvenil?

-Ao primeiro, por cubrir un oco. Pero desde o terceiro libro tiven clara unha cousa: igual que hai películas para todos os públicos, ten que haber unha literatura para todos os públicos. Comparto esa definición que se deu hai tempo, que a literatura xuvenil é a que tamén, e subliñado o tamén, poden ler os mozos. Apúntome, como Jostein Gaarder, ao de estar nunha batalla consciente pola dignificación da literatura xuvenil.

-¿Que tal anda de música?

-Estou colgado dos blues.

-Iso é música para adultos, non é como na literatura...

-Pero teño a sorte da miña filla, que me informa das novidades.

-¿Está «ao loro» do que escoitan os mozos, os seus lectores?

- Ao loro está ela, pero si. O que escoita a protagonista dun libro, por exemplo, son cousas que me chegaron pola miña filla: Smashing Pumpkins, todos eses.

-Un libro seu, ambientado en Vigo, tradúcese ao coreano e, quen o diría, ¡funciona!

-O mesmo que nós podemos ler a un finés ou a un xaponés e nos encanta, a un grupo importante dos que escribimos en Galicia poderían lernos en Xapón, en Laponia ou en Massachusetts. Se os organismos agrupados arredor do libro fixesen un esforzo de darnos a coñecer...

-¿A ver a edición? [Tira dunha bolsa a versión coreana de «O meu nome é Skywalker», preciosa, coidada]

-Este libro naceu a partir do Gadis que hai na rúa Rosalía de Castro de Vigo, onde había un tipo pedindo esmola ao que ninguén lle facía caso. Eu imaxinei a historia dunha rapaza que pensaba que ese tipo era invisible e falaba da relación que se establece entre eles. Algún podería dicir: ¡Que localista, unha historia nun Gadis de Vigo! Pois ese é o libro que está traducido ao coreano.

-Para que logo digan...

-Iso confirma a miña tese de que as historias boas son universais. Hai quen fala de cosmopolitismo e así, e iso son parvadas. Paul Auster, por exemplo, que me encanta. ¡Paul Auster só escribe de Brooklyn, que é onde vive el! ¡Non te amola! Eu ambiento as historias en Vigo, ou en Lanzós, ou onde sexa. Se a historia é potente, é universal e, se non o é, xa pode falar de Madrid ou de París, que non será cosmopolita, como di algún persoal.

-Vostede que dá clases nun instituto de Vigo ¿Que pensa dos que din que os rapaces de agora non len, que son terribles, malos como a carne do pescozo, faltóns...?

-¡O carallo! ¡É que non é verdade! Aí funciona un mecanismo sinistro da memoria polo que tendemos a pensar que calquera tempo pasado foi mellor. Se eu repaso as persoas que lían da miña promoción... ¡Pero se non líamos nada! Para comezar, porque non había que ler. Eu digo ao revés: Tal como están as cousas na sociedade, na que todo conspira para non ler, quédome abraiado de canto len.