Arancha
Nogueira

Arancha Nogueira, ou Arancha Rodríguez Fernández (na súa vida máis prosaica), naceu tranquilamente un domingo de setembro de 1989 na cidade de Ourense. A tranquilidade non volveu acompañala desde entón, aínda que si a literatura, fiel compañeira desde os tempos do berce. Licenciada en Xornalismo e cun mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural, a súa vida transcorreu entre Madrid, Porto, Belfast e, por suposto, Ourense, a cidade das luces e as tebras, torturadora da poeta até o tempo presente e, porén, inspiradora de moitos dos seus versos. Durante este tempo, foi publicada en diversas antoloxías como Diario de Escalofríos, en 2008, ou Cuaderno de Legados, en 2010, así como en revistas literarias como a Revista Incendios, en 2011, o Fanzine As Lurpias (Día da Matria) en 2014, ou o Boletín Galego de Literatura en 2017.

Andar descalza, gañador do certame Francisco Añón de Poesía en 2013, é o seu primeiro poemario publicado. No 2016 gaña o primeiro premio do certame de poesía da Universidade de Vigo con (A)fogar, publicándose nunha antoloxía coeditada por Xerais. No 2017 gaña o primeiro premio de poesía do Concello de Ames, cunha antoloxía aínda pendente de publicar, e participa no encontro de artistas Cultura que Une, entre Galiza e o norte de Portugal, cuxo fin é a edición dun libro de creación colectiva.

Actualmente, reside en Santiago de Compostela e leva a cabo a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Manuela Palacios González. Tamén forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

[Agosto, 2017]