Carlos
Fontes

Carlos Fontes (Vilaboa, 1968). Traballa como xornalista ademais de colaborar na organización de actos culturais para diferentes entidades. Recibiu o primeiro premio na XVI edición do Concurso de Poesía en Lingua Galega “Rosalía de Castro” da asociación cultural homónima de Cornellà (Barcelona), en 2000. Obra súa figura nos poemarios colectivos O Trazo Aberto (Deputación Provincial de Pontevedra, 2002), Pontevedra literaria (Concello de Pontevedra, 2007), Os poetas de Vigo cantan á poesía (Rodeira, 2008), Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto (Caldeirón, 2013) e Novas de Poesía. 17 poetas galegos (Fundación Uxío Novoneyra, 2013). Fixo circular algúns dos seus poemas en pequenas edicións de cordel, a última, titulada Descarga (2008), en colaboración co escritor cubano Félix Contreras. A finais de 2008 publica o seu primeiro libro de poemas, Quero colo, na Editorial Espiral Maior. No ano 2009 sae á luz Poemas con piruleta, poesía para cativos editada por Galaxia. Tamén en 2009 publica no sitio web www.aregueifa.net Contradanza, texto poético sobre a Revolución Cubana. Un novo libro de poemas para nenos, titulado Versos en flor, foi editado por Galaxia en 2012. Recibiu o accésit no XVII Certame “Francisco Añón” polo libro de poemas Mar de fóra (Concello de Outes, 2014).

[Outubro, 2015]