Eduard
Velasco

Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona.

Foi profesor de catalán para adultos en Barcelona, Menorca e Santiago e profesor de Estudos Cataláns na Universidade de Lisboa durante o curso 2013-2014. Tamén foi profesor de galego nos XXV Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros organizados polo Instituto da Lingua Galega, institución na que traballou dous anos.

Interesado na difusión da cultura català na Galiza e da cultura galega nos Países Catalans, publicou artigos de divulgación en xornais e revistas como Vieiros, A Peneira, Núvol, El Punt, La Directa, Sermos Galiza ou Luzes, así como no boletín A Micro Pechado, editado por Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, en cuxos programas colabora desde o ano 2003.

Traduciu ao galego as novelas Pa negre, de Emili Teixidor, Els sots feréstecs, de Raimon Casellas e Paraules d’Opòton el Vell, de Avel•lí Artís Gener. E, ao catalán, os relatos Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, Os europeos en Abrantes e a novela O porco de pé de Vicente Risco.

En outubro de 2014 acadou o primeiro premio no III certame de poesía Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo. En novembro dese mesmo ano gañou a XXVII edición do Premio de poesía Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene, co poemario Ruído de trens, publicado en Espiral Maior. En 2015 gañou o 3º Premio de Narracións Breves Manuel Murguía, convocado polo concello de Arteixo, co relato Taxidermia, publicado no libro A garza insomne (Galaxia, 2016). En febreiro do 2017 gañou o II Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro, convocado polo concello de Guitiriz, co poemario O filósofo coxo, que verá a luz proximamente en Espiral Maior.

Desde xuño do 2016 codirixe, xunto a Alicia Fernández, a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela.

[Xuño, 2017]