Francisco A.
Vidal

Se temos que buscar unha razón ó que somos, no meu caso, posiblemente, tería que lle agradecer a aquel cura, de terceiro de bacharelato, que nos mandara facer un traballo sobre as supersticións, o que aprendese como a ciencia non se limita ós números e ás fórmulas matemáticas. E igualmente, tamén lle terei que agradecer ós Reis Magos, que sempre me botasen algún libro para alimentar a imaxinación, que aprendese a cavilar, mellor ou peor, sobre as cousas da vida.

Ambos, penso eu, foron quen, ó final, alimentaron en min esta afección a riscar historias. Na escada de caracol que é a vida, sobre eses dous chanzos da nenez e da adolescencia fun colocando outros novos esteos coa masa dos contos familiares, chanzos disfrazados de artigos ou historias, desde as primeiras colaboracións na prensa de 1977, que tanto me serviron para afiar o lapis, ata o que boamente imos facendo hoxe en día.

Nos primeiros oitenta, coa serie Ciencia, Técnica e Trebellos no periódico A Nosa Terra, afrontei o vocabulario técnico en galego, cando falar dun CD, dos vídeos ou da cámara dixital era falar de productos de laboratorio, ou da aventura do futuro; e con eles puiden combinar a paixón pola ciencia coas letras. Logo virían máis artigos en distintos medios e colaboracións con asociacións culturais, ata que, no 1992 recibo o premio de Narrativa do Concello de Vilalba pola novela Ollos de Anxo da Morte, e un accésit do Pedrón de Ouro polo conto A Espiral da Fortuna.

A primeira é a historia dunha vila da Baixa Limia, onde as tradicións, a historia e as lendas se mesturan para evitar a morte eterna de Santa Comba do Tumia. En A Espiral da Fortuna, a lenda predomina sobre a historia, ata facer prevalecer o fantástico sobre a realidade, nunha espiral envolvente e arroladora, que vai levando, ó mozo protagonista, a acadar un inesperado tesouro.

Piquiño Mouro, premio de Literatura Infantil Olisbos, no ano noventa e catro, traslada, a través dun conto infantil, o tema da emigración a un paxariño da Barbanza.

Os noventa tamén foron os anos da AA. VV. "Manuel Murguía", de Oseiro, os anos de reivindicar a figura do Patriarca, de impulsar a edición de libros como En Prosa, La Primera Luz ou Desde el Cielo, anos dedicados a estudiar e investigar a súa vida e obra.

Un novo accésit do Pedrón de Ouro, no ano noventa e cinco, por As Voces da Conciencia, daralle luz a unha historia que quere retratar a soidade da muller dun navegante, os rumores da veciñanza sobre a súa conducta e a inocencia dunha recén casada.

No ano noventa e seis comezo a sacar unha serie de artigos en A Nosa Terra, baixo o título xenérico "Camiño Vello, Congostra Nova", para tratar temas de literatura popular, tradicións e crenzas non sempre relixiosas.

O Centro Galego de Baracaldo concédeme no ano noventa e seis o Breogán de Narrativa polo conto A Auga da Vida, unha historia sobre a loita pola propiedade, por un simple regato, e tres anos despois, o Centro Rexional de Castilla-La Mancha, de A Coruña, premia o conto O Anano do Hiper, unha manifestación contra os hipermercados como templos de consumo.

No 1997, un novo premio de Narrativa do Concello de Vilalba, pola novela O Cuarto dos Ausentes, permíteme presentar unha historia sobre a decadencia dun pobo mariñeiro ó longo do século XX.

A finais da década dos noventa, a figura de Murguía xa se converte nunha inquietude que dá ó prelo a semblanza biográfica Manuel Murguía así como a edición comentada de Textos en Galego de Murguía, e finalmente, con motivo do Día das Letras dedicado ó Patriarca, o libro publicado por O Correo Galego, Murguía: as Letras e a Historia, que recolle unha serie de trinta artigos publicados con este título no citado xornal.

Xa no 2001 comezo unha nova serie de artigos en A Nosa Terra baixo o título "Meu Santo, Miña Santiña", no que pretendo acercar ó lector, dunha maneira desenfadada, ó santoral.

Tamén no 2001 edito a novela A Derradeira Decisión, unha historia sobre a emigración e o desarraigo, ambientada na Galicia sueva.

E nestas seguimos.

[Febreiro, 2002]