Gustavo
Pernas

Gustavo Pernas Cora, Viveiro 1959. Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela (1981) onde realiza diversos traballos de investigación no campo do cine e do teatro. Estudia Arte Dramático en Madrid.

Desde 1985 dedícase profesionalmente ó teatro, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática. É autor de relatos e guións de televisión e realizador de curtametraxes. Actor e director de dobraxe. Colaborador en distintos programas de radio. Participante en numerosas mesas redondas, ponencias e conferencias. É membro da Comisión Técnica de Teatro da Ponencia de Artes Musicais e Escénicas do Consello da Cultura de Galicia, onde organiza en 2000 as Xornadas sobre Escrita Dramática e participa na publicación do Proxecto para a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Desde 1997 imparte aulas en diferentes ámbitos do ensino: Profesor de Guión, Teatro e Linguaxes Audiovisuais na Escola de Imaxe e Son de A Coruña, Profesor de Guión no Centro de Formación do Profesorado, Profesor de Dramaturxia no Master de Estudios Teatrais e Audiovisuais da Universidade da Coruña e de Arte Actual e Dramaturxia nesta mesma Universidade, en Pedagoxía Teatral.

En 1989 funda con Anxela G. Abalo a compañía de teatro "Áncora Produccións" na que dirixe e interpreta os seus propios textos.

En 1990 estrea O galego, a mulata e o negro (publicada en 1999. Ed. TrisTram), pola que recibe o Premio Compostela Ó Mellor Texto Dramático (1991) sendo nominado como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo.

En 1996 estrea Ladraremos -Comedia de amor e medo- que acada o I Premio María Casares de Teatro Ó Mellor Texto Dramático Orixinal, quedando finalista como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo.

En 1997 estrea Fábula -Comedia nun só acto... sexual-. Nominada en seis apartados no II Premio María Casares de Teatro, Mellor Espectáculo, Mellor Texto Dramático Orixinal, Mellores Actores Protagonistas, Mellor Escenografía e Mellor Vestiario.

En 1998, estrea Anatomía dun hipocondríaco -Comedia Médica-. Nominada no III Premio María Casares como "Mellor Texto Dramático Orixinal" e "Mellor Escenografía" que forma parte con Ladraremos e Fábula da Triloxía Comedias paranoicas publicada en 2000, Ed . Xerais, dentro da colección Libros do CDG, e proposta pola Real Academia da Língua Galega, para o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2000.

En 2000 estrea Sucesos espectáculo conformado polas pezas: Ruinas, A vella sensación do prohibido (publicada no nº 4 da Revista Casahamlet), Branco e negro e ¡Ai, que sería de nós sen os obreiros!

En 2001 estrea Footing Premio Rafael Dieste 2001 da Deputación de A Coruña, publicada pola Deputación dentro da Colección de Teatro...

[Setembro, 2002]