Iria
Misa

Nacín en Gondomar no inverno de 1983. Cando contaba con pouco máis dun ano trasladeime cos meus pais á vila de Baiona. Alí, abeirada ao mar, transcorreu e segue a transcorrer a miña vida.
Decidín dende ben nova que ía estudar unha carreira relacionada coas linguas estranxeiras. Así pois, no 2006 licencieime en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo. Máis tarde cursei estudos de Posgrao en literatura e cultura dos países de fala inglesa nesa mesma universidade. Durante os anos de formación académica comezou o meu interese pola literatura, o que, co tempo, me levaría a enguedellarme no oficio da escrita. Na actualidade traballo no ensino secundario.
En xuño de 2016 a miña novela Xa non estou aquí foi galardoada co VIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil que outorga Edicións Xerais de Galicia. Esta é a miña primeira obra publicada.

[Outubro, 2016]