Isidro
Novo

De ascendencia mariñá, Isidro Novo é un lugués que agás pequenos parénteses sempre residiu na súa cidade de nacemento. O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 94, sería o seu primeiro libro individual. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de Can, un feixe de oito relatos, ademais do libro de poemas Dende unha nada núa.

No 99 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerían, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte. Tamén son obras súas o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010), o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010), así como a novela de terror Sinistra Deixa (2012).

Con varios autores participou no libro Homenaxe 1975-2015 Moncho Reboiras vive! e nas festas do Patrón do 2016 sae á rúa o libro Memorias do san Froilán en cuxa elaboración foi copartícipe con Antonio Reigosa e os asistentes ao Obradoiro de Narración Oral patrocinado polo Concello de Lugo. Neste ano 2017, logo doutro catrenio sen publicar individualmente, ven a luz o poemario CO2 e a novela O tabú na traslenda.

En tempos fixo radio (Gomorritas e novas criaturas) na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 92 e 95). Foi membro do colectivo Círculos Líticos con Lois Diéguez, Antón Fortes, Xan Rompe e Anxo Rigueira, e articulista en varios xornais, sobre todo en Galicia Hoxe, co que segue a ter esporádicos contactos no seu subsistente dixital. Dende o ano 2008 e co total apoio da AELG impulsou a sección de recuperación do idioma Palabras con memoria, visíbel na web da devandita asociación e que se achega ás mil catrocentas entradas. Tamén dende ese ano colabora no grande invento itinerante do experto en Literatura de Tradición Oral Antonio Reigosa denominado Polafías como lector de poetas populares de cada lugar visitado.

[Xullo, 2017]