María dos Anxos
González Refoxo

Naceu na Porta dos Mariños no lugar de Pazos, no concello de Padrón. Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose na primeira promoción, no ano 1978. Aprobou as oposicións a profesora de ensino secundario o ano 1981, exercendo como profesora en centros de Ferrol, Santiago e, xa desde o ano 1983, no I.E.S. Elviña da cidade da Coruña, onde é catedrática de Lingua e Literatura.

Realizou traballos de tradución e colaborou na obra colectiva Galicia Eterna. É coautora de Nova gramática para a aprendizaxe da língua e directora, coordinadora e autora de libros de actividades de expresión, construción gramatical e de léxico.

Para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia elaborou a Programación didáctica de Referencia para o Ensino Secundario Obrigatorio.

Na utilización de novos métodos de aprendizaxe realiza os guións e as unidades didácticas de dous vídeos sobre temas lingüísticos: ...E non chegou a ser palabra sobre afixos léxicos e É. O verbo, editados pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. É coguionista de Canto de permanencia, audiovisual creativo sobre a obra de Uxío Novoneyra, editado pola AS-PG, e de Estrela na alba sobre o pensamento político de Castelao. É guionista do audiovisual De amor e cantería baseado en “Sonetos á casa de Hortas” de Manuel María e editado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, ademais de guionista e directora do documentario Andei todos os camiños.

Varios dos seus traballos audiovisuais foron finalistas dos Premios Mestre e De amor e cantería foi premiado co Mestre Mateo á mellor Obra experimental.

[Abril, 2017]