María Xosé
Porteiro

María Xosé Porteiro naceu en Madrid, o 25 de maio de 1952, nunha familia galego-asturiana. Con catro anos emigrou a Cuba coa súa nai e o seu pai e alí viviu ata os 14. En 1966 comeza a vivir en Vigo, onde estuda nos Institutos Santo Tomé de Freixeiro e Castelao, e máis na escola de secretariado da Caixa de Aforros. Comezou a traballar aos 18 anos e seguiu os seus estudos ata rematar o Bacharelato superior e COU no Instituto Agra del Orzán de A Coruña, cando xa tiña unha nena e un neno de curtas idades.

A súa actividade profesional ven marcada pola adicación á comunicación cunha forte incidencia na cultura e na escrita en galego desde os seus inicios na década dos 70.

Formou parte do grupo de teatro Esperpento, Teatro Xove, dirixido por Dorotea Bárcena e Xulio Lago, onde coincidiu con actores como Manuel Prieto (Manquiña) e participou na organización das dúas edicións das Primeira e Segunda Xornadas do Teatro Galego que se celebraron en Vigo no Auditorio e co patrocinio da Caixa de Aforros Municipal, en 1972 e 1973.

Comezou a traballar na radio e na prensa como colaboradora a finais dos anos 70, nas emisoras Radio Juventud e La Voz de Vigo e El Pueblo Gallego. Nestas emisoras tivo desde 1971 ata 1976, xunto con Xosé A. Perozo, un programa cultural chamado “Antes del silencio” que patrocinou a cafetería Montesol, de Vigo, no que se fixeron dúas edicións de senllos premios de poesía en galego e castelán. Foi xurado daqueles premios, xunto co xa citado X. A. Perozo, Mauro Panizo e Álvaro Cunqueiro. Entre os gañadores estiveron Darío Xohán Cabana e Isaac Otero. Posteriormente, realizou en Radiocadena española, tamén con X. A. Perozo, un programa diario de información cultural chamado “En forma”, que se mantivo en antena desde os derradeiros anos da década dos 70 ata os primeiros dos 80.

En El Pueblo Gallego, desde 1977 ata o seu peche en 1979, adicouse principalmente á información cultural, realizando numerosas entrevistas a artistas da plástica, da literatura e da música galegas dos derradeiros anos do franquismo e inicios da democracia. Mercedes Ruibal, Silverio Rivas, Xaime Quessada, Laxeiro, Agustín Pérez Bellas, Xosé María Álvarez Blázquez, Antón Reixa, Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo, Alberto Avendaño, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, José María Castroviejo, Manolo Romón, José Ruibal, ou Celso Emilio Ferreiro, foron algúns dos persoeiros que puido coñecer e entrevistar naquela etapa. En 1975 publica no xornal editado co gallo da conmemoración dos primeiros 25 anos de Galaxia, unha extensa entrevista con Álvaro Cunqueiro.

En 1978 e ata 1985, formou parte do equipo que puxo en marcha os Premios da Crítica Galicia, no Círculo Ourensán-Vigués: Bieito Ledo, Manuel Janeiro, Vítor Freixanes, Malós Cabrera, Vítor Vaqueiro, Marta Alfageme, Blanca Roig, Anxo Tarrío, X. A. Perozo, Miguel Murado e Blanca Lorenzo, entre outros.

En 1979 e 1980 impulsa e participa na realización de dous discos Lps, producidos polo cantautor Suso Vaamonde, das que serían as primeiras gravacións de contos infantís galegos, e en galego: Contos galegos para nenos, Volumes I e II, en 1979 e 1980, formando parte do que se chamou, para aquel traballo, Grupo Avelaíña no que participaran tamén actrices e actores do Grupo Artello, e que dirixiu X. A. Perozo.

Nos anos 80 comezou a adicarse profesionalmente ao xornalismo, publicando decote en La Voz de Galicia. Neste xornal tivo a oportunidade de inaugurar o caderno de cultura que dirixiu Luis Álvarez Pousa, cunha entrevista a Laxeiro que foi a portada do primeiro suplemento. Traballou como redactora en Radio Popular de Vigo, onde dirixiu durante algún tempo o informativo de mediodía, Jaque a la actualidad, e tivo un espazo propio, A Bisbarra, que foi o primeiro programa diario adicado á información comarcal nunha emisora de radio galega, e o primeiro programa informativo feito integramente en galego en Galicia. Foi tamén a correspondente do xornal El País durante os anos 1982, 1983 e 1984, e a Delegada para Pontevedra da revista Tiempo que dirixía o xornalista de orixe viguesa, Pedro Rodríguez.

En 1984 obtivo a praza de Xefa de Prensa e Relacións Públicas no Concello de Vigo. Desde 1999 ata 2001 foi directora xerente da empresa pública compostelá, Incolsa, que promocionou o Xacobeo e a Capitalidade Cultural de 2000. De 2009 a 2011 foi directora do Museo do Ferrocarril (Madrid) e de Comunicación e desenvolvemento corporativo da Fundación de los Ferrocarriles Españoles (Madrid).

Colabora decote como comentarista en prensa e radio (Cadena Ser -programas Hoy por Hoy e La ventana de Madrid- e Radio Galega -O día por diante, A crónica-). En La Voz de Galicia mantivo durante varios anos unha columna de opinión que chamou Habitación propia, e tivo a sección Corte e Confección no caderno de cultura do mesmo xornal, na etapa en que o dirixiu Xosé Manuel Dapena. Ten colaborado tamén coa revista Tempos, e foi membro do consello de administración do Xornal Diario, onde tivo unha columna denominada Quinto elemento.

Outra faceta importante na vida de María Xosé Porteiro é a política, onde milita nas filas do PSdeG. Foi concelleira en Vigo en dúas ocasións (1987/1991 e 2003/2006), parlamentaria autonómica en dúas lexislaturas (1989/1993 e 1993/1997), deputada no Congreso español (2004/2008) e membro da Asamblea Parlamentaria do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental (2006/2007). Foi a primeira Delegada no Exterior da Xunta de Galicia entre 2007 e 2009 en Bos Aires e Montevideo. En todo o seu traballo político tivo adicación preferente á cultura e á igualdade. Na súa última etapa especializouse en emigración e política exterior. Por esta razón foille concedida á Encomenda ao Mérito Civil polo Consello de Ministros en xullo de 2009, ao seu regreso de Arxentina. É observadora electoral acreditada pola Escola Diplomática do Ministerio de Asuntos Exteriores e membro do Consello Reitor do IGADI. Foi membro constituínte do Consello Asesor de RTVE-G na primeira lexislatura autonómica; pertenceu ao Consello de administración do Xornal Diario entre 2009 e 2011; desde 2012 é membro do padroado do xornal dixital Praza Pública e da Comisión consultiva de Asuntos Exteriores do Consello da Cultura Galega.

É frecuente conferenciante en temas relacionados coa comunicación, xénero e asuntos internacionais.

Obtivo a licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas (Ciencias Sociais) na Universidade de Vigo.

É autora de varias publicacións que abranguen ensaio, biografía e narrativa.

-VV. AA. Mulleres decisivas. Editorial Galicia Sempre. Santiago de Compostela. 2005. Ensaio.

-VV. AA. Literatura de mulleres. Once ensaios arredor de Virxinia Woolf. Editorial Sotelo Blanco. Santiago de Compostela. 2003. Ensaio.

-VV. AA. Narradio, 56 historias no ar. Libro e CD. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 2003. Narrativa.

-VV. AA. Estratexias turísticas urbanas. Ed. Cámara de Comercio de Pontevedra e Universidad de Vigo. Pontevedra 2002. Ensaio.

-VV. AA. Comunicación Política en Galicia. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago. 2001. 2002. Informes.

-Covardes. Editorial Ir Indo. Vigo. 1ª Edición en galego 2001. 2ª Edición en galego 2002. 1ª Edición en castelán, 2003. Narrativa.

-VV. AA. Informe da comunicación en Galicia. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago. 2000. Ensaio.

-Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas. Ed. Akal. Edición bilingüe. Madrid. 1982. Biografía. Co-autor, X. A. Perozo. Celso Emilio por si mesmo-culturagalega.org

-Quen é quen no primeiro Parlamento galego. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 1981. Ensaio. Co-autor, X. A. Perozo.

Na actualidade ten entregado á Editorial Auga, de Santiago de Compostela, o manuscrito dun novo libro: As mulleres ante o discurso público, que sairá do prelo na primavera de 2012, e está traballando nunha Monografía sobre Maruxa Boga, actriz e radiofonista arxentina, de orixe galega, falecida en 2010.

[Febreiro, 2014]