Miro
Villar

Miro Villar (Cee, 1965). Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa Tese A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e como poeta publicou Ausencias pretéritas (1992), 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (Xerais, 2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011; premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012). Poemas seus foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, alemán, ruso, albanés e serbo-croata en Il cammino di Santiago. La giovane poesia d'europa nel 1997. Os seus versos figuran en numerosas revistas literarias e en varias antoloxías. Tamén publicou narrativa e literatura infantil e xuvenil, coa triloxía Carlota, a marmota (2000), Carlota e a bota perdida (2003) e Carlota e a gaivota patiamarela (2006), O nariz de Fiz (2009), A cobiza do verme Noel (2011), Rebelión na charca (2012) e A pantasma da casa da Matanza (Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor Libro infantil e xuvenil, 2013). Como narrador recibiu nos anos 1985 e 1987 o premio de relato curto Modesto R. Figueiredo Patronato Pedrón de Ouro por “Augas de silencio” e “Verbas cruzadas con Amaranta” (1987/1988) e a Curuxa Literaria do Museo do Humor de Fene. E no eido do ensaio é autor de Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (2009) e de varias edicións críticas ou comentadas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (1995), Unha lectura de O soño sulagado (1998), Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite (Xerais, 1998), A poesía galega de Xervasio Paz Lestón (1998), Indo para máis perto. A señardade no puño de Alexandre Cribeiro (2004), A roseira da soidade de Antón Zapata García (2005), Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (2005), Ser auga, darse en auga. Antoloxía poética de Bernardino Graña (2010), Bretemada de Gonzalo López Abente (2011) e Obra poética completa de Gonzalo López Abente (2013), alén de ser coautor dos volumes de Publicacións periódicas e Obras no Dicionario da Literatura Galega (1997/1999) e, xunto a Xesús Alonso Montero, dos Textos e documentos para o congreso sobre García Lorca (1998) e Guerra Civil e Literatura Galega (1936-1939) (2006). A súa bitácora persoal www.crebas.blogaliza.org, activa desde xuño de 2011, foi Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega ao mellor blog literario no 2012

[Xaneiro, 2018]