Montse
Fajardo

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, pero a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio e Memoria do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas cun texto, “As que quedaron”, no que analiza a repercusión da represión sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte por centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

Como autora en solitario publicou en novembro de 2017 Invisibles, relatos do maltrato, un libro, promovido polo Concello de Pontevedra, que recolle sete historias reais de mulleres que padeceron a lacra da violencia machista, contadas por elas mesmas ou pola súa xente, no caso das que foron asasinadas.

Con anterioridade escribiu dous libros coa memoria histórica como fío: Matriarcas, mulleres en pé de vida (2012) protagonizado por mulleres da posguerra galega, que vai pola cuarta edición; e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que recolle dezaseis historias de familias que sufriron a represión tras o golpe de Estado fascista contadas polas persoas que a sufriron ou por xente moi próxima a elas, xa na segunda edición.

[Decembro, 2017]