Pura
Salceda

Filla de emigrantes galegos, naceu en Cidade de México en 1961, e dende os tres anos reside en Barcelona. É doutora en Filoloxía románica e licenciada en Filoloxía hispánica, ambas as titulacións pola Universidade de Barcelona. A súa tese de licenciatura leva por título Ramón Otero Pedrayo na revista "Nós" (1991); e a tese doutoral Narrativa e dramática na revista 'Nós' (1920-1935) (2000).

Ten sido profesora dos cursos de Lingua e cultura galegas en Cataluña, patrocinados pola Xunta de Galicia, en diversos centros galegos de Cataluña e na Universidade de Barcelona.

É tradutora galego/catalán/castelán, e participou en diversos proxectos educativos sobre cultura galega na editorial Vox (Básica Escolar Vox. Galicia, vols. I e II, Biblofraf, 1994) e para a editorial Edebé.

No campo da lexicografía galega colaborou en Vox. Diccionario Esencial Galego-Castelán/Catellano-Gallego (Larousse Editorial) e Actual Atlas de Xeografía Universal Vox (Larousse Editorial, 2009).

Foi Secretaria Xeral da Asociación Colexial de Escritores de Cataluña/Associació Collegial d'Escriptors de Catalunya (ACEC) de 2010 a 2017.

Iniciou a súa andaina literaria en 2003 coa publicación, en colaboración con Andrés Aberasturi, de Hola, de dónde eres? Manual urgente para navegar en los chats. A este sucederanlle os libros de poesía escritos nas tres linguas de uso da autora. Así, en 2005 aparece o seu primeiro libro de poemas en castelán: Versos de perra negra, prologado por Luis Eduardo Aute, ao que seguirá Mares Online (2008), con prólogo de Luis Alberto de Cuenca. En catalán publicou L'amant circumstancial (2014), e en galego A ollada de Astarté, no 2007, e Dois corpos nus, despíndose/Dous corpos nus espíndose, a dúas voces co poeta portugués Casimiro de Brito, en 2016. En 2010 coordinou a antoloxía Erato bajo la piel del deseo. Antología de poesía erótica, na que se incluían poetas en lingua galega, catalá e castelá. Os seus poemas aparecen ademais nunha vintena de antoloxías.

Edita dende 2006 o blog Sintagma in Blue.

[Marzo, 2017]

WEBS SOBRE A AUTORA