Raquel
Castro

Alxén, Salvaterra de Miño. Son licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, ambas as dúas na USC, e traballo como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. Dirixo o Grupo de Teatro amador “Ata sempre” de Alxén, Salvaterra de Miño, dende o ano 1999. Dende aquela, escribo obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o de nenos e nenas, ademais de ser Presidenta da Asociación Teatral de Alxén. Esta Asociación é a encargada de organizar as Xornadas de Teatro de Alxén (ano 2016: XVIII Xornadas). Ademais imparto talleres de teatro nos institutos onde traballo, para o alumnado de secundaria, pois considero que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino. Tamén son Vicepresidenta da Asociación Cultural e Folclórica "Os do Eido" de Alxén e Secretaria da Escola de Xadrez de Salvaterra de Miño.

Dentro da colección Pinguela de teatro, de Fervenza, teño publicadas as obras A vendedora de palabras, A meiga e o emperador, A princesa e o labrego e A Carapuchiña pasa da carapucha vermella. No 2016 saíu, na Editorial Galaxia, As terapias da doutora Ledicia coa que tiven Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Esta obra foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Tamén escribo relato como, por exemplo, Pensamentos (Premio Francisco Fernández del Riego e Un café só (Premio no concurso Igualando a lingua do concello de Cee).

En 2017 publiquei dúas novelas: Nº atómico 74, para público xuvenil (Edicións Fervenza) e Bestiario doméstico, para público infantil (Editorial Galaxia).

[Xullo, 2017]