Victorino
Pérez Prieto

Nacín o 18 de Outubro de 1954 en Hospital de Orbigo (León), no mesmo camiño de Santiago. Vin para Galicia cos meus pais polo San Martiño de 1961, porque o meu pai era veterinario e destinárono aquí. Pasei a miña infancia entre Présaras (Vilasantar, preto de Sobrado dos Monxes) e Boimorto, na provincia da Coruña.

No primeiro pobo fixen os estudios primarios. Tras do exame de ingreso, fixen o Bacharelato en Compostela (1965-71). Por eses anos estudiei tamén Debuxo e Pintura, cousa á que lle dediquei moito tempo ata mediados dos anos 70. Ao remate do Bacharelato iniciei os estudios de Arquitectura na Universidade de Valladolid. Anos conflictivos.

Logo vin de novo para Compostela para facer os Estudios Eclesiásticos no Seminario Maior de Santiago (1973-79), actualmente o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC). Aquí colleume a transición democrática, que vivín moi intensamente, participando na actividade de grupos galeguistas e nacionalistas. Fun ordenado sacerdote na diócese de Mondoñedo-Ferrol por D. Miguel Anxo Araúxo Iglesias en 1981. Estudiei tamén na Universidade Pontificia de Salamanca (1979-81), onde fixen a Licenciatura en Teoloxía Dogmática cun traballo sobre a Xeración "Nós". Estes estudios completaríanse logo con cursos de Teoloxía e Sagrada Escritura na Universidade de Comillas en Madrid, e co Doutoramento en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA); a miña Tese foi sobre a teoloxía interrelixiosa e intercultural de Raimon Panikkar, un mestre contemporáneo que se autodefine cunha cuádruple identidade: cristián, hinduísta, buddhista e secular, o que meu levou a mergullarme no pensamento oriental, sempre querido para min.

Durante vinte e cinco anos, traballei de cura en parroquias rurais, mariñeiras e urbanas; de consiliario dos labregos do Movemento Rural e dos obreiros da HOAC, dirixín Retiros e Exercicios Espirituais e tiven outras actividades de tipo relixioso e cultural: formación de nenos, mozos e adultos, iniciación cooperativa, charlas e conferencias de todo tipo por Galiza e fóra de Galiza, sobre todo con temas relacionados coa relixión, a cultura galega... Fun profesor de Instituto no "I.E.S de Burela" (Lugo) e no INGBAD; profesor na Escola Diocesana de Teoloxía, etc. Logo din clases nas Universidades da Coruña e de Santiago. Son membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega desde finais dos anos 80, do Seminario Galego de Educación para a Paz, da Irmandade Moncho Valcarce, da Asociación de Teólogos Juan XXIII, de Partenia au dela des frontières (Francia), de CIRPIT (Centro Interculturale Raimon Panikkar Italia) e doutras asociacións e colectivos .

Ademais, publiquei uns cantos libros en galego: A xeración "Nós". Galeguismo e relixión (Vigo 1988), Galegos e cristiáns. (Vigo 1995), Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo (A Coruña 1997), A Romaxe de Crentes Galegos (Santiago 1998), Con cordas de tenrura (Vigo 2000), Contra a síndrome N.N.A. (Non hai Ningunha Alternativa) (Vigo 2005) e Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego (Noia 2007). Obras de teatro (grandes e pequenas) para o Nadal (Madrid 2009), Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Vigo 2010). Teño tamén colaborado noutros libros: O idioma da Igrexa en Galicia (Santiago 1989), Doce anos na busca da nosa identidade (Lugo 1991), O Ensino da lingua: por un cambio de rumo (A Coruña 1995), Manuel María (Lugo 2001)... Os últimos foron: Homenaxe a Xosé Lois García (Barcelona 2006), Diálogos nun camiño da cultura Europea (A Coruña 2007), Ser Igreja (Lisboa 2007), Dicionario Enciclopedia de Pensamento Galego, (Vigo 2008), O Pensamento Luso-Galaico-Brasileiro, 1850-2000 (Lisboa 2009) e Xosé Neira Vilas. Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe, de próxima aparición. Algúns destes libros foron traducidos logo e publicados en castelán: Ecologismo y cristianismo (Santander 1999) e Con cuerdas de ternura. Para un encuentro con el Dios de Jesús (Madrid 2002). Ademais, publiquei no 2008 outras dúas obras en castelán: Dios, Hombre, Mundo. La trinidad en Raimon Panikkar (Herder, Barcelona 2008) e Más allá de la fragmentación de la teología. El saber y la vida: Raimon Panikkar (Tirant lo Blanch, Valencia 2008) do que saíu a edición en italiano: Oltre la fragmentazione del sapera e della vita (Mimesis, Milano 2011).

No campo xornalístico, teño publicado máis de mil douscentos artigos en xornais e revistas galegas e casteláns. Fun director da revista Irimia, "Revista de crentes galegos" entre 1981-1993, publicando nela numerosos artigos; esta publicación recibiu o Premio da Crítica de Galicia en 1996, e do Consello de Redacción da revista Encrucillada, "Revista galega de pensamento cristián", desde 1981, publicando nela numerosos ensaios; esta publicación recibiu o Pedrón de Ouro en 1992. Teño sido colaborador de varias revistas galegas: A Nosa Terra e Grial, Lumieira, Tempos, Guía de libros, Criterios...). Fun colaborador habitual, con artigos de opinión, dos xornais galegos El Progreso, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia e ocasional de algúns outros. Ademais teño colaborado en revistas españolas: Vida Nueva, Alandar, Iglesia viva, El Prado...) e de fóra de España (Revista Theologica Xaveriana de Colombia, CIRPIT review de Italia...).

[Abril, 2011]