Xosé
Duncan

Xosé Duncan naceu como José Ramón Suárez Ordóñez, en marzo de 1970, nunha pequena casa do lugar de Chorente en Taragoña (Rianxo) e alí viviu até os catro anos cando se mudou, xunto con súa nai, á Coruña. Mentres seu pai estaba embarcado en navíos noruegueses, pasou a meirande parte do seu tempo na Agra do Orzán, estudando EXB no Raquel Camacho e BUP no instituto do mesmo nome que o barrio, até que se independizou e cambiou a súa residencia á fronteira da Coruña co Portazgo.

Sempre tivo tendencias artísticas. Desde pequeno gustou en se enganar, crendo que sabía debuxar e, por ese motivo, gastou centos de folios coas súas ilustracións de monstros, bárbaros e dragóns perfilados en negro e azul coa brillante tinta dos bolígrafos Bic. Tamén tentou enganar os demais facéndolles crer que sabía cantar, e torturou durante dous anos a clientela dos garitos aos que ía tocar o grupo de rock do que formaba parte. Xa como última proba no mundo das artes, escribiu dúas novelas de fantasía que, unha vez rematadas, ficaron esquecidas no disco duro do seu portátil sen que se decidise a facelas chegar a algunha editorial.

Todo transcorría placidamente na súa vida até que coincidiu, no verán de 2011, con Tomás González Ahola e Fernando M. Cimadevila no stand que Urco levara á Feira do Libro da Coruña por mor da promoción da primeira parte das aventuras de Basilius Hoffman. Duncan mercou a novela, partillou uns minutos de conversa máis que interesante e marchou do stand coa intención de facerlles chegar aquelas dúas novelas que estaban a coller po entre os sectores defectuosos do disco duro. Tras a recepción do mail cos textos, Tomás tivo o valor (e a decencia) de facerlle ver que aquilo estaba bastante ben mais que precisaba de moito traballo de revisión e corrección e animouno a participar nun proxecto que el e Fernando estaban a artellar. Ese proxecto era 'Contos Estraños'. Durante o 2012, o 2013 e o 2014, Duncan colaborou nesa publicación periódica de carácter colectivo con varios relatos de terror e fantasía. De dita colaboración xurdiu a idea e o concepto do mundo fantástico de Alba e os personaxes de Bran e o Solla que serviron de espiña dorsal para a construción dese universo de maxia e aventuras. No 2015 publicou a novela curta de terror psicolóxico Hostal Norte e o derradeiro volume da triloxía As Crónicas de Bran. 2016 foi o ano no que saiu Negruña e tamén participou no volume colectivo Contos do sacaúntos, Romasanta o criminal no que se achega unha mirada plural ao perfil criminolóxico de Manuel Blanco Romasanta, “O Sacaúntos de Allariz”. Estamos ás portas de 2017, no primeiro trimestre do ano verá a luz a súa nova novela e, ademais, un volume colectivo que está a coordinar xusto no intre de escribir estas liñas.

[Decembro, 2016]