Xosé Manuel
Martínez Oca

Xosé Manuel Martínez Oca naceu na Estrada, en 1942. Empezou a escribir de rapaz, como todos, aínda que o seu primeiro traballo en galego non foi publicado ata 1976 (Antes, en 1964, apareceran algunhas colaboracións súas na extinta revista A.O.E. -África Occidental Española- de Sidi Ifni, onde daquela cumpría o servicio militar).

Desde ese relato inicial en galego, publicado gracias a ser finalista na primeira edición do "Concurso de narracións curtas Pedrón de Ouro" -que posteriormente pasarían a chamarse Premio Modesto R. Figueiredo e lle sería concedido en dúas ocasións (1978 e 1981)-, leva publicados varios traballos en libros colectivos, catro libros de contos e algo máis de media ducia de novelas, unha delas, Beiramar, premio Blanco Amor en 1983.

Nunha autopoética para o Boletín Galego de Literatura, en 1994, o autor dicía que entende a creación literaria como unha diversión, un modo de disfrutar co exercicio da escrita e contrarrestar, en certo xeito, a vacuidade da vida cotiá, enganándose a si mesmo para poderse crer un pequeno deus, creador de mundos e personaxes movidos ó seu antollo.

Hoxe, que tan de actualidade está o tema dos plaxios e/ou a intertextualidade, confésase un plaxiario (¿ou será plaxiador? Parece que non soa tan mal...) compulsivo. Ás veces imita a autores que nin sequera lera con anterioridade -a novela Caborcos, publicada por decisión editorial co título A chamada escura dos caborcos, segundo X. González Gómez (hoxe bo amigo seu), nunha crítica en A Nosa Terra, 12-3-82, é debedora de Los Pasos Perdidos, de Alejo Carpentier, daquela descoñecida para o autor-.

Outras veces, por evitarlle laboriosos traballos de busca ó investigador, el mesmo indica ó remate do texto os nomes dos autores de quen "tomou prestadas" unha boa presada de frases distribuídas estratexicamente polo medio da súa redacción. (Así o fixo, por exemplo, en A espada na auga, 1982).

Agora, cada vez máis enganchado no seu nefasto vicio, ofrece desde esta páxina á consideración pública o primeiro capítulo dunha novela aínda inédita, Outono na illa, na que confesa que entre outros, plaxiou a Homero, Álvaro Cunqueiro, Fenelón, a Crónica Troiana, Alberto Manguel e Gianni Guadalupi e tutti quanti que deixa á perspicacia do erudito lector o labor de descubrir.

(...già il Sole al Toro l'uno e l'altro corno

scaldava, e la fanciulla de Titone

correa gelata al suo usato soggiorno.

Francesco Petrarca: Trionfi.

....Era no tempo alegre, quando entrava

no roubador de Europa a luz febeia,

quando um e o outro corno lhe aquentava,

Luis de Camoes: Os Lusiadas.

Era del año la estación florida

en que el mentido robador de Europa

-media luna las armas de su frente,

y el Sol todos los rayos de su pelo-,

luciente honor del cielo,

en campos de zafiro pace estrellas

Luis de Góngora: Soledades.)

Oh, Shakespeare, divino Shakespeare, envexado Shakespeare, plaxiario Shakespeare!

[Febreiro, 2002]