Xosé Manuel
Millán Otero

Xosé M. Millán Otero (Beluso, O Morrazo-1964) é profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. É autor de diversos estudios e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco, etc.) e actuais (Bernardino Graña). Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra/A.S.-P.G. e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).

Como poeta deu á imprenta até o día de hoxe dúas obras, Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991) e As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. A esta hora está a pórlle as últimas letras a un novo libro, Ritual da vixía, do que aquí se adiantan algúns poemas.

Incluído -máis por amabilidade que por merecemento- na escolma de Luciano Rodríguez e Teresa Seara Para saír do século (Ed. Xerais, 1997), deseñaba alí unha confusa autopoética á que aínda se adhire, posto que así evita ter que volver reflexionar en prosa sobre un tema que, por outra parte, é motivo reiterado nos seus versos, o solpor da palabra:

"Non sei se os poetas escriben como queren; eu, que non me afago a selo, escribo como podo. Se abandono un instante a leve coiraza de cinismo que cómpre para autoanalizarse, acabarei confesando que nunca concibín a escritura como unha forma de intervención, menos aínda como un modelo para seguir outros, nin sequera como aquilo que a min me gustaría ler. Como madurei con este vicio -hai quen prefire a horticultura- acostumeime a ordenar o tempo en palabras e versos, meus e emprestados. Agora conformaríame con encontrar a palabra que é a clave do mundo, miña ou doutro, con lograr un verso redondo, con apoiarme un día na cómoda que non teño e mentres se fai noite largar trinta e seis poemas dun golpe, aínda que todos fosen horrendos. Por amor a Pessoa, a Neruda e Rosalía, todo o demais é pura quincalla".

[Febreiro, 2002]