Xosé Ramón
Freixeiro Mato

Xosé Ramón Freixeiro Mato naceu nunha pequena aldea chamada Vilanova pertencente á freguesía de Cances, no concello bergantiñán de Carballo (A Coruña), no ano 1951. Despois dunha infancia como neno labrego, pasou por un internado de relixiosos en Allariz e Cambados, examinándose por libre nun Instituto da Coruña para obter o título de Bacharelato Superior. A seguir, estudou Maxisterio nesta mesma cidade e nela traballou como profesor de EXB nun colexio privado durante sete anos.

Licenciado posteriormente en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, conseguiu unha praza de profesor agregado de Lingua e Literatura españolas que lle permitiu acceder á docencia pública nos Institutos coruñeses da Agra do Orzán e Eusebio da Guarda, onde impartiu tamén as materias de Lingua e Literatura galegas, e no Instituto de Arteixo. Por eses anos terminou a licenciatura na subsección de Galego-Portugués na universidade compostelá e gañou unha praza de catedrático de Lingua e Literatura galegas no Ensino Medio, que desempeñou no Instituto da Agra do Orzán e no INGABAD da Coruña.

Despois de obter o doutoramento na Universidade da Coruña no ano 1992 cunha tese sobre Noriega Varela e a edición crítica da súa obra completa, accedeu no ano seguinte a unha praza docente nesa mesma institución, onde na actualidade é Profesor Titular da área de Filoloxía Galego-Portuguesa na Faculdade de Filoloxía.

[Abril, 2002]