Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
3/3/2016

Á vista das declaracións públicas difundidas nestes días en que se nomea e verten opinións atribuídas á AELG, o seu Consello Directivo quere facer constar o seguinte:

 

1. É norma da AELG manifestarse co seu proxecto de traballo e plan concreto de actuación no día a día, perante a súa base asociativa mediante comunicación persoal e directa, e á sociedade global a través das novas tecnoloxías e medios de comunicación, así como dar conta anualmente nas súas asembleas do traballo feito e do estado de contas que sempre foron públicas.

 2. Agradecemos os artigos nos que a  AELG ten sido citada en positivo polo seu facer e proceder e nos que, asemade, se evidencia a desproporción entre o traballo colectivo desenvolvido por esta entidade na defensa e promoción do sistema literario galego e as desiguais achegas das diversas institucións públicas do país, fortemente minguadas nos últimos anos, pois non faltan á verdade.
 
 3. Aínda que lle son demandadas, a AELG nunca entrou nin entrará a avaliar as opinións expresadas polos seus máis de catrocentos asociados e asociadas, que entendemos que fan públicas no exercicio da liberdade de expresión cuxa defensa é a razón de ser da AELG.

 

A Coruña, 3 de marzo de 2016